A Vía Verde abre novas vías de negocio para un turismo máis sostible en Ordes e Cerceda

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña reuniu en Ordes iniciativas referentes en sostibilidade e prepara para o 2 de marzo en Cerceda unha xornada sobre gastronomía circular con showcooking e degustación
DEPU CORU xornada verde ordes
26 Feb 2026

A Deputación da Coruña continúa a buscar novas oportunidades de desenvolvemento económico arredor da Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle coa posta en marcha dos Encontros de Emprendemento Turístico Sostible e Gastronomía Circular. A proposta pretende impulsar modelos de negocio vencellados á sostibilidade, á economía circular e á posta en valor do produto local.

A primeira xornada celebrouse no Museo do Traxe de Ordes, cunha participación destacada de profesionais do sector, persoas emprendedoras e axentes do territorio. O encontro puxo o foco no potencial da Vía Verde como motor de actividade económica e contou coas experiencias de proxectos xa consolidados como Casa Grande de Xanceda, Cabañitas del Bosque e Galiwonders, que explicaron como integran prácticas sostibles, aproveitan recursos de proximidade e reforzan a comunicación como elemento diferencial.

Durante a sesión participou o deputado Antonio Leira, quen subliñou a Vía Verde como unha oportunidade para dinamizar o rural e favorecer a creación de emprego ligado ao territorio. 'A aposta por un turismo sostible e de calidade permite xerar actividade económica, apoiar ás pequenas empresas locais e axudar a fixar poboación', indicou.

A seguinte cita será en Cerceda o vindeiro luns, 2 de marzo, de 17.00 a 20.00 horas, no Viveiro Empresarial, e estará centrada na Gastronomía Circular na Vía Verde. O programa combinará relatorios e intercambio de boas prácticas cun showcooking con degustación a cargo de Gastrolab Arousa. Ademais, participará Horta da Lousa, un proxecto agroalimentario que exemplifica a produción ecolóxica e a recuperación de variedades locais como base dunha estratexia de desenvolvemento sostible.

As dúas actividades intégranse no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) da Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle, financiado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (NextGenerationEU). O obxectivo é reforzar a competitividade do tecido empresarial local, crear sinerxías entre iniciativas do territorio e avanzar cara a un modelo turístico vencellado á identidade local, ao consumo de proximidade e ao respecto polo medio.

A asistencia á xornada de Cerceda é gratuíta, pero require inscrición previa. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de rexistro.

0.13038802146912