Á venda as entradas para ‘Manhe’, o novo espectáculo de Fransy González no Teatro Colón

O Teatro Colón acollerá o vindeiro domingo 23 de novembro, ás 19.00 horas, a estrea coruñesa de ‘Manhe’, a nova creación de Fransy González. As entradas xa poden mercarse a través da plataforma Ataquilla, para unha velada que reivindica a música de tradición oral galega desde unha perspectiva contemporánea e elegante.
En ‘Manhe’, a voz inconfundible de González e a súa pandeireta dialogan cunha gran orquestra de corda —máis de vinte instrumentistas da Orquestra de Cámara Galega— baixo a batuta e os arranxos do saxofonista Pedro Lamas. A proposta perfílase como unha viaxe sonora pola memoria popular, con espazo para a emoción íntima e para a potencia colectiva dun coro de cordas que arropa e expande o repertorio.
Desde o Concello, o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, subliña a aposta por unha programación de alta calidade artística no Colón e o compromiso coa promoción do talento galego e co reforzo da identidade musical da cidade, no marco da programación cultural de outono.
‘Manhe’ representa un novo chanzo na traxectoria de Fransy González, consolidándoa como unha das grandes voces da escena galega contemporánea. A posta en escena, coidada e evocadora, conxuga pasado e presente para transformar as pezas de raíz nun relato vivo e actual.