A veciñanza do Orzán-Pescadería volve denunciar o botellón na rúa Cordelería e cuestiona ao Concello

ACoruñaXa
A asociación asegura que os ruídos se repiten cada xoves, venres e sábado e que as chamadas á Policía Local non están freando a situación
A CORUÑA botellón
19 Nov 2025

A Asociación Veciñal Orzán-Pescadería volveu poñer o foco nos problemas de ruído e botellón no barrio histórico de A Coruña. O colectivo difundiu unha mensaxe dirixida á alcaldesa, Inés Rey, e ao Concello na que ironiza sobre a suposta desaparición do botellón na cidade e sostén que, para os residentes da rúa Cordelería, a realidade é ben diferente.

Segundo denuncian, grupos de persoas concéntranse nos portais e na vía pública cada noite de xoves, venres e sábado, xerando berros, música e sucidade que impiden o descanso da veciñanza. O comunicado fala directamente de 'tortura' para os residentes desta rúa e engade que, cando chove, parte destes mozos refúxianse no pasadizo que une Cordelería co Orzán, o que concentra aínda máis o ruído baixo as fiestras das vivendas.

A asociación lembra que leva anos alertando das molestias que provoca o ocio nocturno en rúas como Sol, Socorro, Cordelería, Orzán ou Cormelana, que forman parte da Zona Acústicamente Saturada recoñecida pola ordenanza municipal de ruídos. En 2022, a Valedora do Pobo chegou a admitir a trámite varias denuncias presentadas polos veciños contra o Concello pola falta de medidas eficaces fronte ao exceso de ruído na zona.

No seu novo escrito, o colectivo critica que as queixas presentadas ante o Concello e as chamadas á Policía Local non estean a dar resultado e reclama unha maior presenza policial e sancións efectivas para quen incumpre a normativa que prohibe o consumo de alcohol na vía pública e limita os niveis de ruído durante a noite. Xa en ocasións anteriores a asociación advertira de que o botellón se mantén en distintos puntos do barrio malia as multas e os peches puntuais de locais de ocio nocturno.

O conflito polo descanso no Orzán prodúcese nun contexto no que o Concello se atopa revisando a ordenanza de ruídos xunto a entidades veciñais e o sector da hostalaría, co obxectivo declarado de actualizar as Zonas Acústicamente Saturadas e buscar un equilibrio entre o dereito ao lecer e o dereito a durmir. A asociación do Orzán-Pescadería insiste en que, mentres non se adopten medidas máis contundentes, seguirán producíndose escenas como as que denuncian estes días na rúa Cordelería.

⚙ Configurar cookies
0.070513963699341