A veciñanza do Castrillón na Coruña avala o proxecto da nova praza José María Hernansáez

O proxecto de urbanización da praza José María Hernansáez, situada no barrio coruñés do Castrillón, continúa avanzando con boa acollida por parte da veciñanza. A proposta, presentada pola alcaldesa Inés Rey, foi valorada de xeito moi positivo polas Comunidades de Persoas Propietarias da contorna e pola Asociación Veciñal do Castrillón-Urbanización Soto IAR.
Durante o encontro celebrado, as persoas asistentes manifestaron o seu apoio inicial á remodelación, subliñando a necesidade de actuar nun espazo que, segundo indicaron, leva anos en estado de abandono.
O Concello remitiu o proxecto ás xuntas directivas das comunidades para que puideran valoralo internamente e enviar de novo as súas consideracións. Nese contexto, a alcaldesa convocou unha nova reunión coas CCPP, xunto coa concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, co obxectivo de analizar as achegas puntuais recibidas por correo electrónico e seguir avanzando na definición dunha praza “accesible, con zonas verdes e espazos de lecer”.
A intervención conta cun orzamento de 1 millón de euros e busca contribuír a mellorar a calidade de vida no barrio, apostando por un modelo urbano máis sostible, seguro e centrado nas persoas.
Inés Rey agradeceu “a boa acollida xeral da proposta, con algunhas consideracións puntuais ou particulares”, engadindo que “en xeral, as achegas trasladadas polas Comunidades de Propietarios son cuestións menores que estaban xa recollidas no proxecto de urbanización da praza así como suxerencias de carácter xeral sobre mobilidade previstas polo Concello”.
A rexedora tamén puxo en valor o compromiso veciñal: “A boa disposición e o espírito construtivo amosado polos veciños e veciñas”, asegurou, son fundamentais porque “o diálogo coa cidadanía é clave para sacar adiante proxectos que transformen os barrios con visión de futuro”.