A veciñanza do Birloque achega propostas para mellorar o autobús urbano da Coruña

ACoruñaXa
O Goberno de Inés Rey continúa co proceso de participación cidadá sobre o futuro do transporte público
BIRLOQUE-BUS
21 May 2025

O barrio do Birloque foi escenario do sexto encontro participativo organizado polo Goberno municipal da Coruña no marco do proceso de redeseño do servizo de autobús urbano. Preto de 70 persoas asistiron á cita, que contou coa intervención inicial da alcaldesa Inés Rey, quen agradeceu a implicación da veciñanza neste proceso de escoita activa.

Durante a xornada, o equipo técnico responsable do estudo sobre o transporte urbano presentou os principais datos de mobilidade do distrito 7, que comprende zonas como os Castros, As Rañas ou Elviña. A continuación, desenvolveuse unha dinámica participativa na que os asistentes puideron formular propostas concretas sobre temas como frecuencias, accesibilidade, cobertura territorial ou conexións con outros medios de transporte.

“A realidade deste distrito é diversa e complexa, e o novo prego de transporte deberá responder a esa variedade de necesidades co maior equilibrio posible”, subliñou a rexedora, acompañada por membros do seu executivo.

Necesidades claras e demandas comúns

O distrito 7, que reúne a uns 60.748 habitantes, está actualmente cuberto por 18 liñas de autobús urbano —entre as que se inclúen a 1, 2, 5, 12, 14, 21 ou a liña UDC— ademais do servizo nocturno BUH, con máis de cen paradas repartidas polo territorio.

Durante a sesión, os participantes completaron unha enquisa que serviu para recoller valoracións e detectar áreas de mellora. Os prezos foron o aspecto mellor puntuado (cunha media de 7 sobre 10), seguidos pola accesibilidade (5,9), as marquesiñas (5,7) e a intermodalidade (5). A frecuencia dos servizos foi o punto máis criticado, cunha valoración media de 4,2, sendo tamén o único indicador por debaixo do aprobado.

As demandas máis repetidas foron o aumento das frecuencias (30 % das propostas), a adaptación do servizo a eventos masivos (15 %) e a mellora nas conexións intermodais (12 %).

O ciclo de encontros continuará o próximo xoves 29 de maio no Centro Cívico dos Rosales, ás 18.30 horas, onde se recollerán as impresións da veciñanza doutro dos barrios coruñeses. Estes encontros buscan que o novo modelo de transporte público urbano responda ás necesidades reais da cidadanía e faga da Coruña unha cidade máis conectada, eficiente e accesible.

⚙ Configurar cookies
0.12345695495605