A veciñanza de Novo Mesoiro reclama información sobre a prometida biblioteca municipal

ACoruñaXa
A Asociación de Veciños critica tres anos de anuncios sen avances visibles e pide probas de que o proxecto segue en marcha
A CORUÑA biblioteca novo mesoiro
4 Sep 2025

A Asociación de Veciños de Novo Mesoiro dirixiuse esta semana aos grupos políticos municipais para reclamar transparencia sobre o proxecto da futura biblioteca do barrio, unha infraestrutura incluída de maneira reiterada nos orzamentos desde hai máis de tres anos, pero sen avances concretos que poidan comprobarse.

Segundo explican, en 2020 consignáronse 20.000 euros para a redacción do proxecto, a proposta de Marea Atlántica e co acordo do Goberno local, co compromiso público de que sería a primeira biblioteca municipal inaugurada desde 2012. Desde entón, as partidas orzamentarias foron incrementándose ano tras ano ata superar os 1,5 millóns de euros, mais a veciñanza continúa sen coñecer a localización exacta da biblioteca, o estado real dos trámites administrativos nin os prazos estimados para a súa execución.

Na actualidade, o barrio conta só cun punto bibliotecario no centro cívico, que, se ben útil, non cubre as necesidades dunha biblioteca completa cos seus servizos integrais. A entidade veciñal solicita documentos oficiais ou probas que confirmen que o proxecto segue activo, así como información detallada sobre o seu desenvolvemento, co obxectivo de poder trasladar á veciñanza datos veraces e colaborar para que esta infraestrutura cultural, tan necesaria, se materialice canto antes. A Asociación amósase disposta a manter reunións ou encontros cos representantes políticos no formato que consideren máis axeitado.

⚙ Configurar cookies
0.17414999008179