A veciñanza de Novo Mesoiro demanda máis seguridade tras unha vaga de actos vandálicos

A Asociación Veciñal de Novo Mesoiro fixo pública a súa preocupación polo deterioro da seguridade no barrio despois de rexistrarse nos últimos días diversos actos vandálicos. Varios coches apareceron con raiaduras, cristais rotos e sinais de intento de forzado, feitos que están a xerar malestar e inquietude entre os residentes.
Nun comunicado remitido ás autoridades, a entidade explica que non se trata dun caso illado, senón dunha serie de incidentes que afectan á convivencia diaria. Os veciños advirten de que este tipo de sucesos non só provocan perdas materiais, senón tamén unha sensación crecente de inseguridade que repercute na vida do barrio.
A asociación solicita de maneira urxente un reforzo da presenza policial na zona, con patrullas máis visibles e continuadas. 'Non queremos alarmar á cidadanía, pero si previr que esta dinámica se converta nun problema maior', sinalan.
Desde a AVV lembran que moitas familias escolleron Novo Mesoiro como lugar para vivir e criar aos seus fillos, polo que consideran fundamental preservar un ambiente seguro. Ademais, apelan á responsabilidade dos representantes políticos para dar unha resposta rápida e efectiva, que dea tranquilidade á veciñanza.
'É imprescindible que quen nos goberna se poña no noso lugar e entenda o que supón saír pola mañá e atopar o coche danado', conclúen.