A veciñanza de Eirís inicia unha rolda de xuntanzas para frear as expropiacións ligadas ao PIA de Monte Mero

ACoruñaXa
A asociación Uxío Carré busca apoios e recolle sinaturas mentres alerta do impacto sobre 38 vivendas e arredor de 180 persoas
A CORUÑA xuntanzas eiris
6 Feb 2026

A Asociación Veciñal Uxío Carré de Eirís puxo en marcha unha rolda de xuntanzas e contactos con colectivos e grupos políticos para visibilizar a situación das familias afectadas polas expropiacións previstas no ámbito de Monte Mero, na Coruña. A entidade explica que o obxectivo é sumar apoios e reforzar a súa oposición a un plan que, segundo denuncian, suporía a desaparición das vivendas actuais e o desaloxo de decenas de residentes.

O movemento chega tras a participación da veciñanza en xornadas sobre vivenda e despois dunha reunión coa concelleira do BNG na Coruña Avia Veira, nun contexto no que os nacionalistas prevén levar o asunto ao pleno municipal para pedir explicacións sobre a coordinación entre administracións e reclamar garantías para os núcleos afectados, tamén en Pedralonga. A asociación veciñal mantén que xa presentou un recurso contra o plan e que continuará nas vindeiras semanas coa recollida de sinaturas e novos encontros.

O Proxecto de Interese Autonómico (PIA) SUD 4 de Monte Mero promove a urbanización de máis de 40 hectáreas entre Xuxán, a futura Cidade das TIC e as áreas de Montserrat e Pedralonga, co obxectivo de levantar máis de 4.000 vivendas (cunha porcentaxe maioritaria de protección pública). O proxecto superou trámites ambientais e foi obxecto de publicacións oficiais no DOG.

No debate institucional, o goberno local coruñés chegou a pedir á Xunta ‘respecto’ para os propietarios e compensacións que consideren xustas, ao tempo que a veciñanza expresa o seu temor a valoracións desfavorables e a quedar fóra dunha solución que lles permita continuar no barrio.

⚙ Configurar cookies
0.08116602897644