A UPA e Gardacostas comisan 25 quilos de percebe na Coruña tras un operativo antifurtivismo na Torre de Hércules

Axentes da Unidade de Policía Nacional Adscrita (UPA) de Galicia e do Servizo de Gardacostas de Galicia incautaron 25 quilos de percebe e diverso material empregado para a extracción ilegal durante un operativo conxunto desenvolvido o 14 de outubro na contorna da Torre de Hércules (A Coruña). A intervención foi posible grazas á alerta dos vixiantes da confraría de pescadores coruñesa e rematou coa identificación de catro persoas, ás que se lles tramitaron as correspondentes actas de sanción por infracción da Lei de Pesca de Galicia. O marisco requisado foi entregado a dous centros benéficos da cidade.
Segundo indicou a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a actuación enmárcase no reforzo das tarefas de vixilancia contra o furtivismo, en coordinación co Servizo de Gardacostas —dependente da Consellería do Mar— e coas confrarías de pescadores. Estes dispositivos céntranse en impedir a extracción, venda, transporte e distribución de produto sen garantías sanitarias, coa finalidade de protexer os recursos mariños e salvagardar a seguridade alimentaria.