A Universidade da Coruña renova o seu Claustro con 252 representantes

ACoruñaXa
A sesión constitutiva serviu para elixir a Mesa do Claustro, a representación no Consello de Goberno e a nova Comisión Electoral
A CORUÑA UDC claustro
9 Apr 2026

A Universidade da Coruña constituíu este 8 de abril o seu novo Claustro, o máximo órgano de representación da comunidade universitaria, que queda conformado por 252 persoas en aplicación dos novos Estatutos e no marco da LOSU.

Na sesión configurouse tamén a Mesa do Claustro, integrada por 13 membros. Deles, seis representan ao profesorado funcionario e permanente laboral, dous ao resto do profesorado, un ao PTXAS, un ao persoal contratado en tarefas de investigación e tres ao estudantado.

A xornada serviu ademais para elixir a representación do Claustro no Consello de Goberno, órgano que culminará a súa renovación o vindeiro 15 de abril. O Claustro contará nese espazo con 23 representantes: nove do Persoal Docente e Investigador, sete do estudantado, cinco do PTXAS e dous do persoal contratado de investigación.

Xunto a iso, quedou formada a Comisión Electoral, integrada por seis persoas: tres representantes do PDI, unha do PTXAS, unha do persoal de investigación e unha do estudantado.

Con esta sesión, a Universidade da Coruña completa un novo paso na renovación dos seus órganos de goberno tras os procesos electorais desenvolvidos nas últimas semanas.

0.11832499504089