A Universidade da Coruña presenta os resultados do Proxecto Europeo 1.5 Lifestyles

A Universidade da Coruña acolleu a presentación dos resultados do Proxecto Europeo 1.5 Lifestyles, liderado pola profesora Adina Dumitru da Facultade de Ciencias da Educación. O acto estivo presidido polo Vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas, e contou coa participación doutras iniciativas que reflicten o potencial investigador da UDC no eido da sustentabilidade. A investigación combina enfoques innovadores e científicos para abordar os retos ambientais, sociais e económicos actuais.
O proxecto EU 1.5° Lifestyles ten como obxectivo fomentar a adopción de estilos de vida que contribúan a que o aumento da temperatura media global non supere os 1,5 ºC a finais deste século, en consonancia co Acordo de París.
A Universidade da Coruña participou nesta iniciativa xunto con outras universidades e centros de investigación de sete países europeos: Alemaña, Hungría, Países Baixos, Suecia, Finlandia, Letonia e España, coordinados pola University of Münster (Alemaña).
No marco do proxecto desenvolvéronse diferentes accións, como foros de debate coa cidadanía e a elaboración dunha 'Guía para reducir o noso impacto climático e fomentar unha vida máis sa e xusta', dispoñible na páxina web do proxecto.
DATOS CLAVE DO ESTUDO
O estudo identificou 50 opcións clave para reducir o impacto ambiental dos estilos de vida, centándose na pegada de carbono dos fogares e no fomento da participación cidadá a través de laboratorios de pensamento e entrevistas con persoas que xa adoptan prácticas sostibles.
Os datos obtidos en España suxiren que deixar de usar o coche privado para desprazamentos laborais en favor de camiñar, utilizar a bicicleta, o transporte público ou vehículos eléctricos podería reducir ata un 40 % das emisións de carbono. No caso do transporte para actividades de lecer, como ir ao cinema ou a restaurantes, este cambio nos hábitos permitiría unha redución do 20 %.
En materia de vivenda, a implementación de medidas como a instalación de bombas de calor ou caldeiras de biomasa podería reducir as emisións nun 15%, complementando os beneficios da integración de enerxías renovables. Ademais, adoptar unha dieta vegana ou reducir significativamente o consumo de produtos de orixe animal podería diminuír as emisións ata un 10 %.
A investigación identificou algúns retos emocionais asociados á adopción dun estilo de vida máis sustentable. A frustración xerada polas barreiras estruturais ou pola falta de comprensión social constitúen grandes desafíos. Preto do 65% dos participantes españois do estudo declararon sentir eco-ansiedade, mentres que o 50% percibe unha falta de apoio no seu entorno.
Segundo destacou Adina Dumitru, en Galicia "as opcións máis impactantes inclúen a mobilidade eléctrica e dietas veganas, mentres que as máis aceptadas son evitar o desperdicio alimentario e mellorar a eficiencia enerxética no fogar".
A nivel europeo, prevese que para 2030 só Eslovaquia, Croacia e Eslovenia terán pegadas de carbono por debaixo do limiar dos 1,5 ºC. Este dato resalta a urxencia de que os demáis países da UE27 adopten cambios significativos nos seus estilos de vida para cumprir cos obxectivos climáticos.