A Universidade da Coruña prepárase para acoller as probas da PAU cun total de 3.639 estudantes

ACoruñaXa
As xornadas arrancarán o martes día 3 ás 9.00 horas cunha breve presentación informativa
pau-25
2 Jun 2025

A Universidade da Coruña converterase do 3 ao 5 de xuño nun dos epicentros educativos de Galicia coa celebración das Probas de Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (PAU). Un total de 3.639 estudantes están convocados a realizar os exames neste período, repartidos entre os campus da Coruña e Ferrol.

Na área coruñesa, están matriculados 2.844 alumnos e alumnas, dos cales 2.722 realizarán as probas nas diferentes facultades e escolas da Universidade da Coruña. Os 122 restantes, procedentes de centros educativos dos concellos de Cee e Zas, farano no IES Agra de Raíces de Cee. Pola súa banda, o Campus de Ferrol acollerá a 795 aspirantes.

As xornadas arrancarán o martes día 3 ás 9.00 horas cunha breve presentación informativa. O primeiro exame será o de Lingua Castelá, previsto para as 9.30 horas no caso do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE), e para as 10.00 horas no resto dos casos. A última proba celebrarase o xoves 5 ás 13.00 horas.

Para facilitar o desenvolvemento da ABAU, habilitaranse seis centros no campus coruñés: a Facultade de Dereito, a ETS de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, a Facultade de Informática e a de Economía e Empresa no campus de Elviña, e a Escola Universitaria de Arquitectura Técnica xunto coa Facultade de Filoloxía na Zapateira. En Ferrol, os exames terán lugar na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e na Facultade de Humanidades e Documentación.

O alumnado con NEAE disporá de comisións específicas adaptadas: unha na Facultade de Economía e Empresa na Coruña e outra na EPEF de Ferrol.

As cualificacións provisionais poderán consultarse o 12 de xuño na páxina web da CIUG, mentres que as definitivas estarán dispoñibles o 19. A convocatoria extraordinaria, dirixida ao estudantado que supere Bacharelato en xuño ou que non logre aprobar nesta primeira quenda, desenvolverase entre o 1 e o 3 de xullo.

⚙ Configurar cookies
0.17442679405212