A Universidade da Coruña premia o seu alumnado distinguido nun acto institucional

ACoruñaXa
Durante a cerimonia, entregáronse os diplomas dos Premios Excelencia UDC
premios-udc
28 Mar 2025

A Universidade da Coruña (UDC) celebrou a entrega de premios ao seu alumnado distinguido, nun evento presidido polo reitor, Ricardo Cao. No acto, o reitor estivo acompañado pola vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade, María José Lombardía, e pola directora territorial do Banco Santander en Galicia, Rocío Pazo, entidade colaboradora nestes galardóns, ademais do resto do equipo de goberno da UDC.

Durante a cerimonia, entregáronse os diplomas dos Premios Excelencia UDC ao alumnado coas 50 mellores notas de admisión nas titulacións de grao no curso 2024/2025, os 52 premios extraordinarios das titulacións de grao do curso 2023/2024, os 86 premios extraordinarios das titulacións de máster do curso 2023/2024 e os 25 premios extraordinarios de doutoramento do curso 2022/2023. En total, 213 persoas recibiron a súa merecida homenaxe polo esforzo e dedicación académica.

Tras felicitar a todas as persoas premiadas, o reitor destacou na súa intervención a importancia de que “como universidade sigamos fomentando un entorno no que a creatividade e a curiosidade científica teñan espazo para medrar. Queremos -dixo- seguir sendo un referente de calidade educativa e de investigación punteira”.

Cada un dos galardóns concedidos conta con características específicas:os Premios de Excelencia ás Mellores Notas de Admisión á UDC inclúuen un diploma acreditativo expedido polo reitor e unha dotación económica de 565 euros, financiada con fondos da UDC. Os Premios Extraordinarios de Grao contan cun diploma acreditativo expedido polo reitor e unha dotación económica de 1.037 euros, cofinanciada entre a Universidade da Coruña e o Banco Santander, ademais do dereito á exención dos prezos públicos pola expedición do título de Grao. Os Premios Extraordinarios de Máster consisten nun diploma acreditativo expedido polo reitor e o dereito á exención dos prezos públicos pola expedición do título de Máster. Os Premios Extraordinarios de Doutoramento inclúuen un diploma acreditativo.

No curso 2024/2025, a UDC ofreceu 44 titulacións de grao en distintas ramas de coñecemento, ademais de sete programas de simultaneidade e dous graos abertos. No eido dos estudos de posgrao, impartiuse un total de 64 másters, dos cales 15 forman parte de programas interuniversitarios con outras universidades galegas, españolas e internacionais. A cooperación interuniversitaria é especialmente notable nos programas de doutoramento, onde 28 dos 39 programas ofertados na UDC contan coa participación doutras universidades, o que representa case un 72 %.

O equipo de goberno da UDC reafirma o seu compromiso coa consolidación da estrutura das titulacións e co desenvolvemento de novos estudos con gran demanda social. Recentemente, puxéronse en marcha graos innovadores como Xestión Industrial da Moda, Ciencia e Enxeñaría de Datos, Nanociencia e Nanotecnoloxía e o Grao Interuniversitario en Intelixencia Artificial, todos eles cunha excelente acollida entre o alumnado.

 

 

⚙ Configurar cookies
0.67337107658386