A Universidade da Coruña oferta máis de 3.200 prazas de grao para o curso 2025-26

ACoruñaXa
A programación académica abrangue 55 titulacións: 41 na Coruña e 14 en Ferrol, cubrindo todas as áreas de coñecemento
UDC internacionalización
12 Jun 2025

A Universidade da Coruña (UDC) abrirá un total de 3.295 prazas de grao para o novo estudantado no curso 2025-2026, repartidas entre os campus da Coruña e Ferrol. A maior parte da oferta concéntrase na cidade herculina, con máis de 2.700 prazas, mentres que o campus ferrolán achega arredor de 600 prazas.

A programación académica abrangue 55 titulacións: 41 na Coruña e 14 en Ferrol, cubrindo todas as áreas de coñecemento. Como principal novidade este ano, a UDC incorpora un programa de simultaneidade en Enxeñaría Informática e Ciencia e Enxeñaría de Datos, con 10 prazas dispoñibles e sede na Facultade de Informática do Campus de Elviña.

Nos últimos anos, a universidade vén adaptando a súa oferta formativa ás novas demandas do mercado laboral, incorporando titulacións máis atractivas e con proxección profesional. Na Coruña, nove graos teñen carácter bilingüe (cun mínimo do 50 % das materias ofertadas en inglés, permitindo escoller grupo en inglés ou en castelán/galego) e outros nove forman parte de programas de simultaneidade. En Ferrol, ademais de dous graos en simultaneidade, hai tamén dúas titulacións plurilingües, nas que se imparten materias noutros idiomas e se esixen requisitos específicos de acceso.

Prazos de preinscrición

As persoas que xa superaron as probas da ABAU poderán facer a preinscrición entre o 13 e o 26 de xuño. Para o estudantado que se presente á convocatoria extraordinaria, o prazo será do 17 ao 21 de xullo.

Toda a información sobre os graos, número de prazas, requisitos e calendario do proceso de admisión está dispoñible na web da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG): www.ciug.gal.

 

 

 

⚙ Configurar cookies
0.1708459854126