A Universidade da Coruña oferta 4838 prazas entre grao e máster para o próximo curso

A Universidade da Coruña vén de aprobar a súa proposta de prazas para grao e máster correspondentes ao curso 2025/26. O documento, que agora será remitido á Xunta de Galicia para a súa validación definitiva, contempla un total de 4.838 prazas de novo ingreso: 3.057 para grao e 1.881 para máster.
Entre as novidades do próximo curso destaca a incorporación de seis novos másters universitarios: Realidade Extendida; Ciencia do Exercicio, Preparación Física e Readaptación Deportiva; Economía Circular; Ensino do Español como Segunda Lingua; Cronicidade e novos modelos de Atención Sociosanitaria; e Informática Industrial e Robótica. Ademais, o Máster en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sustentable, impartido no Campus Industrial de Ferrol, estreará unha modalidade en liña.
No Consello de Goberno celebrado hoxe, aprobouse ademais o regulamento de ordenación de programas académicos de simultaneidade en dobres titulacións de grao e máster con itinerario específico. Estes programas permiten ao alumnado obter dúo titulos de xeito simultáneo, sempre que superen todas as materias do plan formativo.
A Universidade da Coruña vén desenvolvendo unha oferta académica de graos con programas de simultaneidade desde o curso 2011/12. Actualmente, conta con sete programas desta modalidade, que ofrecen 134 prazas e que presentan unha elevada demanda, permitindo a incorporación de egresados ao mercado laboral cunha formación multidisciplinar de alta calidade.
REGULAMENTO PDI
No eido docente, e en adaptación á Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU), aprobouse a normativa que regula a dedicación do Persoal Docente e Investigador (PDI). O novo regulamento fixa a capacidade máxima de docencia do profesorado en 240 horas por curso académico e establece a carga docente correspondente a cada figura de profesorado.
O Consello de Goberno deu luz verde á incoación do expediente para a desafectación e posterior venda do edificio de Serantes, que comprende a antiga Escola Universitaria Politécnica e a denominada Casa do Cura, unha pequena construción de propiedade universitaria que nunca tivo función asignada. Este paso, que precisa da aprobación do Consello Social, abre o camiño para a subasta pública dos inmobles, cunha superficie total de 11.000 metros cadrados e un valor catastral superior aos sete millóns de euros.
Por último, a Universidade da Coruña anunciou a suspensión da súa actividade oficial na rede social X (anteriormente coñecida como Twitter) a partir do 1 de febreiro. A medida, adoptada en consonancia coa Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), busca fomentar un espazo dixital respectuoso e inclusivo.
A decisión foi tomada tras unha análise detallada sobre o impacto da presenza institucional nesta plataforma, tendo en conta o aumento de discursos de odio, desinformación e polarización, que contradí os valores fundamentais da UDC.