A Universidade da Coruña crea o Consello do Estudantado como novo órgano de representación

ACoruñaXa
Terá como función principal a defensa dos intereses do alumnado, canalizando as súas solicitudes e queixas
udc
27 Mar 2025

O Consello de Goberno da Universidade da Coruña (UDC) aprobou hoxe a creación do Consello do Estudantado da UDC, un novo órgano colexiado que se converterá no máximo responsable da representación e coordinación do estudantado dentro da institución académica. Este órgano terá como función principal a defensa dos intereses do alumnado, canalizando as súas solicitudes e queixas perante os órganos de goberno da Universidade.

O Consello do Estudantado tamén velará polo cumprimento dos dereitos e deberes do alumnado, promoverá o asociacionismo estudantil e fomentará a participación activa dos estudantes na vida universitaria. Ademais, será o encargado de representar á Universidade no Consello de Estudantes Universitarios do Estado e noutras entidades de interese.

Outras das funcións máis destacadas deste novo órgano inclúen a súa contribución á mellora da calidade educativa da UDC, a participación nos procesos normativos que afecten ao estudantado, así como a protección e promoción da lingua galega no ámbito universitario.

En canto á súa composición, o Consello do Estudantado estará integrado por dúas persoas de cada centro, elixidas entre as persoas representantes do estudantado nas xuntas de centro e na Escola de Doutoramento. A súa renovación será anual e garantirase a paridade na súa composición. O Consello contará con medios e espazos adecuados para o desempeño das súas funcións, dispoñendo dunha asignación orzamentaria propia e tendo a súa sede na Casa do Estudantado.

Mentres se constituía de maneira definitiva, establécese a creación dun Consello do Estudantado provisorio, composto por doce membros elixidos entre as persoas representantes do estudantado no Claustro da UDC, que asumirá as funcións de forma transitoria.

A creación deste novo órgano colexiado adaptação á Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU), que regula o Consello de Estudantes como órgano superior de representación e coordinación do estudantado na universidade. A Universidade da Coruña reafirma así o seu compromiso cos dereitos do alumnado e coa súa representación, un principio que xa figuraba no Estatuto do Estudantado, establecido pola anterior Lei Orgánica de Universidades (LOU) e en vigor na UDC desde o 25 de maio de 2007.

Novas prazas de profesorado na OEP 2025

No mesmo Consello de Goberno tamén se aprobou a proposta de oferta de emprego público (OEP) para o ano 2025, que inclúe a creación de 33 novas prazas de persoal docente e investigador (PDI). Esta convocatoria contempla 11 prazas de profesor/a permanente laboral e 22 prazas de titular de universidade. Ademais, mediante o procedemento de promoción interna, créanse 14 prazas de catedrático/a de universidade.

Estas prazas forman parte da estratexia da UDC para reforzar o seu cadro de profesorado, mellorar a calidade docente e garantir a continuidade das actividades investigadoras na institución.

⚙ Configurar cookies
0.43336987495422