A Universidade da Coruña celebra os días 29 e 30 de outubro ‘IMPULSA-T’, a primeira feira de emprego e emprendemento da UDC

ACoruñaXa
O evento, con máis de 90 stands, reunirá empresas e entidades co alumnado para conectar talento e oportunidades laborais
A CORUÑA impulsa-t udc
22 Oct 2025

A Universidade da Coruña celebrará os vindeiros 29 e 30 de outubro a primeira edición de ‘IMPULSA-T’, a feira de emprego e emprendemento impulsada pola Vicerreitoría de Estudantes e Empregabilidade. O encontro pretende ser unha ponte entre o tecido empresarial e o alumnado da UDC, favorecendo o contacto directo, a creación de redes profesionais e a activación do futuro laboral e emprendedor da comunidade universitaria.

A cita desenvolverase o martes 29 no Pavillón de Deportes do Campus de Elviña, na Coruña, e o mércores 30 no Pavillón Municipal de Esteiro, no Campus Industrial de Ferrol. A feira contará con máis de 90 stands nos que empresas, institucións e entidades presentarán as súas propostas, demandas e oportunidades de carreira. Participarán compañías e organismos de sectores clave como tecnoloxía, enxeñaría, industria, enerxía, consultoría, educación, finanzas, sanidade ou administración pública.

Entre as participantes destacan nomes como Abanca, Accenture, Altia, Aluman, Applus+, Deloitte, El Corte Inglés, Finsa, Hijos de Rivera, Indra, Navantia, PwC, Repsol, Reganosa, Leroy Merlin ou Tecnoloxías Plexus, ademais de institucións públicas e entidades sociais. A feira estrutúrase en tres grandes áreas: ‘ACTIVA-T’, dedicada ao emprendemento, coas entregas dos Premios Santander X e os Premios a Traballos Fin de Estudos da UDC; ‘EMPRENDE-T’, un espazo de encontro con persoas emprendedoras e entidades de apoio; e ‘COÑECE-T’, onde o alumnado poderá participar en dinámicas de selección e xogos formativos con empresas.

No Campus de Ferrol, a feira reproducirá o mesmo formato, centrando o foco nos sectores naval, industrial, enerxético, metal-mecánico, textil, madeira e defensa, cunha ampla representación de compañías e clústeres galegos. Ademais, haberá actividades paralelas como photocall, emisións en directo de CUAC FM, sorteos e o ‘Muro das Ideas’, un espazo participativo onde o alumnado poderá compartir propostas e proxectos.

⚙ Configurar cookies
0.06977915763855