A Universidade da Coruña acolle a xornada ‘Inmigración, Coidados e Desigualdades Sociais’

ACoruñaXa
Incidiu na importancia de definir estratexias que poidan mellorar a vida da sociedade no seu conxunto
maria-rivas-coruña
21 Feb 2025

A Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña (UDC) acolle a xornada ‘Inmigración, Coidados e Desigualdades Sociais’, que incidiu na importancia de definir estratexias que poidan mellorar a vida destas persoas e a sociedade no seu conxunto. A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, participou na mesma e puxo de manifesto o compromiso do Goberno coa integración das persoas migrantes e a promoción da economía dos coidados.

María Rivas, que estivo acompañada na mesa inaugural pola vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC, Cristina Naya, e a concelleira de Servizos Sociais, Participación e Igualdade do Concello da Coruña, Nereida Canosa, sinalou que mellorar a vida das persoas é un obxectivo compartido polo Goberno. Ademais, lembrou que a economía dos coidados é un dos piares do Plan de Recuperación e conta cun PERTE específico que mobiliza máis de 2.500 millóns de euros e que xa chegou a 4.461 entidades de todo o país.

A subdelegada destacou a contribución das persoas migrantes ao avance da nosa sociedade sinalando que o futuro do noso país pasa pola contribución da xente que vén de fóra; precisámolos e eles precísannos a nós, afirmou.

“Proxectos como este permítennos coñecer mellor como é o seu proceso de integración, as súas demandas e as súas achegas, para que despois nós, como Goberno, definamos un marco legal específico e políticas de emprego axeitadas”, apuntou.

A este respecto, a subdelegada mencionou os avances na protección social en España e reformas como as das leis de dependencia e discapacidade que van permitir, dunha banda, poñer no centro os dereitos das persoas coidadas e, por outra, promover a valorización social e a dignificación dos traballos de coidados.

Indicou que as persoas que coidan son, na súa gran maioría, mulleres migrantes que o fan nunhas condicións socio-profesionais precarias, sen o recoñecemento da sociedade; persoas que deixan unha vida atrás e, en moitos dos casos, unha familia que segue a depender delas.

Para dar resposta a estas cuestións, explicou, o Goberno propón, entre outras medidas, cambiar o modelo de residencias, potenciar os servizos e sistemas de teleasistencia e axuda a domicilio e definir unha estratexia transversal que implica ámbitos formativos de educación, de regulación laboral, etc.

Para logralo, dixo Rivas, é precisa a implicación de todas as Administracións, porque o obxectivo de todas estas accións é poñer os coidados no centro das políticas públicas e que as Administracións se fagan corresponsables dunha labor que non pode ser só das mulleres, que non pode ser só das familias nin só do ámbito privado, concluíu.

0.062287092208862