A Universidade da Coruña acolle a conferencia de Carlos Lacerda
Mañá xoves, 10 de outubro, ás 11:30 horas, terá lugar no Salón de Actos da Facultade de Informática da Universidade da Coruña o acto de apertura do Máster Propio en Innovación e Dixitalización Financeira.
No marco desta presentación, o evento contará coa conferencia de Carlos Lacerda, vicepresidente sénior e director xeral para o sur de Europa de SAP, unha das compañías de software máis relevantes a nivel internacional. No seu relatorio, que leva por título La empresa inteligente - El valor de los datos que existen en las empresas, Lacerda afondará sobre o manexo do gran volume de datos dos que dispoñen as empresas a día de hoxe, e de como estes poden traducirse en información relevante para os procesos de toma de decisións.
Esta é a primeira edición do Máster Propio en Innovación e Dixitalización Financeira da UDC, o cal conta coa colaboración de empresas de gran relevancia como Inditex, Hijos de Rivera, Minsait, Accenture, Deloitte, KPMG e PwC.
Carlos Lacerda
Carlos Lacerda conta cunha destacada traxectoria e liderazgo en tecnoloxía e xestión empresarial. Antes da súa incorporación a SAP, foi CEO de ANA, Aeropuertos de Portugal e de Farminveste. Tamén ocupou postos directivos de primeiro nivel en Microsoft EMEA (Europa, Medio Oriente e África) e en Asia, chegando a ser director xeral da Compañía en Malasia.
Carlos conta cunha sólida formación académica en Enxeñaría e Administración de Empresas. A súa traxectoria ofrece unha valiosa perspectiva sobre a transformación dixital e a xestión empresarial no sector tecnolóxico.
O Máster Propio en Innovación e Dixitalización Financeira
O obxectivo deste Máster propio da UDC, ofertado por primeira vez, é o de formar profesionais con coñecemento nas novas tecnoloxías e a súa aplicación aos procesos financeiros, que lles permitan abordar con garantías as finanzas dixitais presentes na actualidade de calquera empresa.
Ademais de aprender os principais conceptos financeiros e os procesos de negocio máis relevantes, o alumnado coñecerá o manexo das tecnoloxías que dan soporte á área financeira, como PowerBI, SQL, IA ou SAP S/4HANA FI.
Este Máster, de 600 horas de formación, conta cun total de 30 prazas, e posibilita a obtención de dúas titulacións: a Certificación como Consultor SAP e a titulación de Máster da UDC en Innovación e Dixitalización Financeira.