A unidade de lesionados medulares do Chuac, pioneira en videoconsultas a nivel estatal

GaliciaXa | ACoruñaXa
Gómez Caamaño enxalza no Congreso Nacional da Sociedade Española de Paraplexia o modelo galego de atención personalizada
chuac-paraplexia
13 Jun 2025

A Coruña acolleu unha nova edición do Congreso Nacional da Sociedade Española de Paraplexia, un escenario no que o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, puxo en valor o liderado da unidade de lesionados medulares do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). Esta unidade é pioneira en España ao ofrecer videoconsultas a través da plataforma IANUS 5, un servizo que se suma á xa consolidada consulta especializada de enfermería posta en marcha en 2009.

Durante a súa intervención inaugural, Gómez Caamaño destacou que a creación da devandita consulta “é un elemento distintivo que reforza desde 2009 a atención integral e personalizada destes pacientes”. Neste sentido, subliñou tamén que, só no último ano, máis de 77 pacientes —moitos deles residentes en contornas rurais e afastadas— puideron evitar desprazamentos grazas a este sistema de videoconsulta, que representa “un avance significativo en accesibilidade e continuidade asistencial, reducindo barreiras xeográficas e facilitando unha atención máis próxima e eficaz”.

O titular da Sanidade galega aproveitou o foro para lembrar a aposta do Servizo Galego de Saúde pola humanización da asistencia sanitaria, exemplificada en proxectos como o Plan de Humanización da Atención ás Persoas con Lesión Medular. Este documento, elaborado pola propia unidade do Chuac, converteuse no primeiro manual de boas prácticas nesta área. “Mostra clara do compromiso galego cun modelo asistencial máis próximo e centrado na persoa”, asegurou Gómez Caamaño, poñendo en valor o enfoque integral da unidade.

Innovación e investimentos europeos

Outro dos puntos destacados da intervención foi a aposta pola innovación tecnolóxica na rehabilitación neurolóxica. Segundo informou o conselleiro, en 2023 a Xunta destinou preto de 850.000 euros á robotización da unidade de lesionados medulares, un investimento financiado pola Unión Europea a través do Programa Feder de Galicia 2014-2020.

O novo equipamento inclúe sistemas robóticos para o adestramento da man e o brazo, dispositivos de rehabilitación para extremidades superiores, unha padiola de verticalización e mobilización temperá, así como un sistema robótico de locomoción. De cara a 2025, a Consellería de Sanidade prevé continuar con este proceso de modernización, cunha nova partida orzamentaria que superará o medio millón de euros.

Con iniciativas como esta, Galicia continúa a consolidarse como referente en atención sanitaria especializada, combinando tecnoloxía, accesibilidade e calidez humana no coidado dos pacientes con lesións medulares.

⚙ Configurar cookies
0.15853309631348