A unidade de lesionados medulares da Coruña convértese na primeira de España con certificación HU-CI

ACoruñaXa
O dispositivo do CHUAC acadou un 84,83 % de cumprimento global nas boas prácticas de humanización e o 100 % nos criterios básicos
A CORUÑA chuac cetificado humanizacion
17 Mar 2026

A Unidade de Lesionados Medulares do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) vén de situarse á vangarda estatal tras converterse na primeira de España na súa especialidade en obter o certificado de humanización en coidados críticos HU-CI. O recoñecemento, entregado este martes 17 de marzo, avala un modelo asistencial centrado na dignidade, na empatía e no benestar integral dos pacientes e das súas familias.

No acto de entrega participou o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, que puxo en valor o labor dos profesionais da unidade e trasladou o recoñecemento da Consellería de Sanidade ao equipo. Xunto ao xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, destacou o 'excelente traballo' desenvolvido polos profesionais, ao combinar a calidade clínica cunha atención centrada nas persoas.

A certificación é o resultado dun proceso iniciado en maio de 2023, cando a unidade puxo en marcha un plan de humanización co obxectivo de adaptar estruturas, procedementos e dinámicas asistenciais aos estándares recollidos no Manual de Humanización en Lesión Medular. Ese traballo permitiu acadar un 84,83 % de cumprimento global das boas prácticas esixidas e o 100 % en todos os criterios considerados básicos.

O proxecto HU-CI recoñece oficialmente aqueles modelos asistenciais que apostan por unha atención máis humana no ámbito hospitalario. No caso da unidade coruñesa, o certificado distingue unha forma de traballar na que non só se prioriza a recuperación clínica, senón tamén o acompañamento emocional, a comunicación e a participación da contorna familiar no proceso asistencial.

O modelo sobre o que se basea esta acreditación estrutúrase en nove liñas estratéxicas que buscan transformar a estancia hospitalaria. Entre os aspectos máis relevantes figuran o benestar do paciente e da súa contorna, a integración das familias, a mellora da comunicación, o coidado dos profesionais e a atención específica á síndrome post-UCI.

Tamén se inclúen cuestións como a planificación da alta para garantir a continuidade dos coidados, a atención ao final da vida e a creación de espazos máis acolledores tanto desde o punto de vista arquitectónico como asistencial. Con este novo fito, o Sergas reforza a súa aposta por unha sanidade máis próxima, máis humana e máis centrada nos pacientes.

0.11713194847107