A Unidade de Insuficiencia Cardíaca do CHUAC recibe o premio "Excelente" da Sociedade Española de Medicina Interna

ACoruñaXa
Só oito unidades en España acadaron este nivel, destacando a calidade excepcional na atención, docencia e investigación
chuac premio Unidad de Insuficiencia Cardíaca
20 Dec 2024

A Unidade de Manexo Integral do Paciente con Insuficiencia Cardíaca (UMIPIC) do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) recibiu esta mañá a acreditación "Excelente" como Unidade de Insuficiencia Cardíaca Avanzada, outorgada pola Sociedade Española de Medicina Interna (SEMI).

Este prestixioso recoñecemento pon en valor a calidade asistencial, docente e investigadora dunha unidade que, tras sete anos de traballo e implicación, consolidouse como un referente nacional no manexo integral da insuficiencia cardíaca (IC).

A UMIPIC forma parte do proceso asistencial de Insuficiencia Cardíaca da Área Sanitaria da Coruña e Cee. O seu modelo de traballo baséase na coordinación multidisciplinar, complementando o esforzo que, durante décadas, vén realizando a Unidade de Insuficiencia Cardíaca do Servizo de Cardioloxía desta mesma área sanitaria.

A insuficiencia cardíaca é unha das patoloxías máis prevalentes, xerando máis de 3.000 ingresos anuales só nesta área, e unha alta porcentaxe destes aténdense no servizo de Medicina Interna.

Un recoñecemento excepcional

Só oito unidades en todo o territorio nacional acadaron este nivel de acreditación, o que destaca o carácter excepcional do traballo realizado pola UMIPIC. Durante a entrega do galardón, o Dr. José Cerqueiro, coordinador adjunto do programa UMIPIC en nome da SEMI, destacou os anos de esforzo colectivo e a motivación dos profesionais para seguir mellorando a calidade da atención aos pacientes.

Este premio posiciona ao CHUAC como un modelo de excelencia no manexo da insuficiencia cardíaca e marca un fito na sanidade galega, xa que é a única Área Sanitaria de Galicia onde ambas as unidades, Medicina Interna e Cardioloxía, están acreditadas co nivel "Excelente" no programa de calidade da SEMI.

⚙ Configurar cookies
0.7282989025116