A UNED Sénior da Coruña retoma o curso cun encontro cultural en Paderne

A UNED Sénior da Coruña deu comezo á actividade lectiva tras as vacacións de Nadal cun encontro cultural celebrado en Paderne. Na cita participaron arredor dun cento de persoas maiores e contou coa presenza do alcalde, Sergio Platas, e da concelleira de Servizos Sociais, María Luisa Abrodos.
A xornada combinou propostas culturais e sociais, con actuacións musicais en directo e cantos populares, ademais dun momento para recoñecer o traballo do alumnado: entregáronse os diplomas do curso anterior ás persoas que non puideran recollelos no seu día. O acto estivo coordinado polo responsable da UNED Sénior na Coruña, Luis Ángel Rodríguez Patiño, e os distintivos foron entregados polo rexedor e pola edila.
O encontro pechouse con novas intervencións musicais protagonizadas por grupos de gaitas, acordeóns e outros instrumentos baixo a dirección do titor de música Francisco Cupeiro, tamén vencellado á coordinación de distintas escolas de música.
A UNED Sénior é un programa formativo pensado para persoas maiores de 55 anos, sen esixir titulación previa, que permite escoller as materias segundo os intereses do alumnado e combinar asistencia presencial con seguimento en liña. No caso de Paderne, o concello vén colaborando coa iniciativa como sede de actividades do programa.