A UDC sitúase entre as 10 universidades máis sustentables de España no ranking internacional GreenMetric

A Universidade da Coruña (UDC) volve figurar entre os campus con mellores políticas ambientais segundo o UI GreenMetric World University Ranking, que acaba de publicar a súa décimo quinta edición. Nesta clasificación, a UDC alcanza a décima posición entre as 34 universidades españolas analizadas e sitúase no posto 352 no conxunto mundial.
O ranking incrementou este ano o número de participantes ata as 1.745 institucións procedentes de 105 países, unha evolución que reforza o peso desta listaxe como unha das referencias internacionais máis empregadas para medir o desempeño universitario en sustentabilidade.
No balance por indicadores, a UDC suma 4.787,5 puntos e obtén os seus mellores rexistros na xestión de residuos e reciclaxe, apartado no que figura segunda en España e no posto 78 do mundo. Tamén acada resultados salientables no eido de Educación e Investigación, onde ocupa o sexto lugar a nivel estatal e o 417 a escala internacional.
O UI GreenMetric World University Ranking é unha iniciativa impulsada pola Universidade de Indonesia, que se realiza desde 2010 e avalía as políticas de sustentabilidade ambiental en seis ámbitos: contorna e infraestruturas, enerxía e cambio climático, tratamento de residuos, uso da auga, sistemas de transporte e educación e investigación. A convocatoria de 2025 presentouse baixo o lema ‘Avanzar nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable na Educación Superior: historias das nosas institucións e comunidades’, co foco posto na mellora continua e no compromiso fronte aos desafíos do cambio climático.
Na cabeza da clasificación mundial repite un ano máis Wageningen University & Research (Países Baixos). En España, a primeira posición é para a Universidade de Granada, que figura no posto 63 do ranking global.