A UDC será a primeira do Sistema Universitario de Galicia en adaptar os seus estatutos á LOSU

ACoruñaXa
O texto foi aprobado por maioría absoluta con 170 votos a favor, 2 en contra, 5 en branco e 1 nulo
claustro-extraordinario-udc
Claustro Extraordinario da UDC
13 May 2025

A Universidade da Coruña aprobou hoxe os novos estatutos que rexerán a institución, sendo a primeira do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que adapta o seu sistema estatutario á Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU). O Claustro extraordinario celebrado este luns aprobou con 170 votos a favor o texto definitivo unha vez que se incorporaron as emendas aprobadas na sesión de debate da mañá. O próximo paso será enviar o texto á Xunta de Galicia para que emita informe de legalidade, para o que a LOSU establece un prazo de catro meses.

Tras un construtivo debate, os Estatutos da UDC quedan compostos por 193 artigos, distribuídos en nove títulos, 4 disposicións adicionais, 3 transitorias, unha derrogatoria e unha final.

O proxecto de Estatutos votado hoxe é o resultado dun amplo proceso participativo que se iniciou en outubro do ano 2024. Nesa data conformáronse catro grupos de traballo conformados por representantes do estudantado, o profesorado, o persoal técnico de xestión e administración e servizos e o persoal contratado para tarefas de investigación, aos que se lles encomendou debater e acadar posicións consensuadas sobre algunhas das cuestións mais relevantes que haberían de conterse nos Estatutos: a estrutura da UDC, os órganos de goberno e representación, os servizos universitarios e a xestión económica e financeira, e a comunidade universitaria. Os grupos entregaron os seus respectivos estudos a unha comisión técnica conformada pola secretaria xeral e catro persoas que ocuparon dito posto no pasado, coa encomenda de elaborar un anteproxecto.

O anteproxecto foi publicado e os membros da comunidade universitaria puideron facer achegas nunha fase de información pública que rematou o 9 de abril, que se incorporaron a un texto que foi aprobado pola Mesa como proxecto de Estatutos.

Dentro do prazo de presentación de emendas ao proxecto, que rematou o 30 de abril, recibíronse 65 emendas, das que finalmente debatéronse un total de 42 (a maioría retiradas previamente ao debate). Desta cifra, aceptáronse 21 e outras 4 transaccionáronse, o que supón a incorporación do 59,5% das achegas nesta parte do trámite do texto, mentres que 17 foron rexeitadas, a meirande parte por cuestións técnico-xurídicas. O estudantado tivo unha participación moi activa, especialmente nas fases previas ao debate, nas que se acadaron importantes consensos coa comisión técnica.

No Título I recóllese a estrutura da Universidade, que conserva a existencia de facultades e departamentos, aos que se engade a Escola Internacional de Doutoramento e os centros de investigación.

O Título II fai referencia á comunidade universitaria, cun total de 56 artigos con disposicións específicas sobre o estudantado, profesorado, persoal técnico, de xestión, administración e servizos e persoal contratado para tarefas de investigación, colectivo este último que se incorpora ao texto estatutario tras unha antiga reivindicación para desfrutar de dereitos electorais, con presenza nos órganos de goberno e representación da Universidade (así contarán, por exemplo, coa representación do 5% na composición do Claustro).

Neste título regúlanse as garantías dos dereitos da comunidade universitaria, a través da Valedoría Universitaria, a Comisión de Convivencia, a de Mediación, Arbitraxe e Conciliación, e a Comisión de Igualdade, que se crea co obxectivo de atender ás persoas da comunidade en situacións de discriminación e acoso por cuestión de xénero.
Os órganos de goberno e representación na Universidade e o réxime xurídico dos órganos colexiados e unipersoais forman parte do articulado do Título III.

Neste punto, acorde á LOSU, os mandatos para os órganos unipersoais serán dun máximo de 6 anos. Introdúcense ademais novidades como o máximo de tres meses para substitucións temporais do cargo, agás as excepcións recollidas nos Estatutos, como enfermidade ou permisos de paternidade ou maternidade, entre outras excepcionalidades. Como novidade, no artigo 98, inclúese un procedemento para cesamento extraordinario do reitor ou reitora antes de expirar o mandato.

Outra das novidades é a fórmula de nomeamento das direccións dos centros de investigación, que desde a entrada en vigor deste texto serán por elección directa, por sufraxio universal ponderado polo persoal adscrito ao centro, entre o seu profesorado funcionario ou permanente laboral e persoal adscrito ao centro a través de programas de ciencia excelente.

No Título IV regúlanse os principios xerais de actuación, as unidades administrativas básicas, a inspección de servizos, as fundacións públicas e outras persoas xurídico-públicas e as entidades ou empresas baseadas no coñecemento.

Así, neste punto e co obxecto de impulsar e protexer o uso do galego na Universidade, refórzase a Unidade de Normalización Lingüística á que se lle da a consideración de Unidade básica da UDC.

Polo que se refire ao Título V, este recolle a actividade da Universidade: docencia, investigación, transferencia e transmisión de coñecemento, así como os servizos universitarios. Aquí destaca a aposta pola ciencia aberta e consideración como servizos esenciais os de aloxamento, arquivo e biblioteca universitaria. No caso do aloxamento, a UDC procurará manter e ampliar a oferta de prazas nas residencias públicas. Polo que respecta ao arquivo, este ofrecerá un servizo de xestión documental que permita acadar unha maior eficacia no uso de documentos por parte da administración universitaria.

O Título VI está protagonizado polo réxime económico-financeiro, control interno e o patrimonio da Universidade mentres que o VII establece o réxime de celebración de actos académicos, outorgamento de honras e imaxe corporativa e institucional da Universidade.
Finaliza o texto co Título VIII, que regula a reforma dos Estatutos, e con 4 disposicións adicionais, 3 transitorias, 1 derrogatoria e 1 final.

Nas disposicións adicionais destaca a referencia aos hospitais e centros universitarios asociados. Un eido no que se establece que a UDC poderá establecer concertos coa Comunidade Autónoma, e coa Administración do Estado para impartir ensinanzas clínicas en hospitais universitarios, de acordo coa lexislación vixente.

⚙ Configurar cookies
0.12767100334167