A UDC reúne máis de mil estudantes de Enxeñaría de Camiños na olimpíada universitaria Intercaminos 2026

ACoruñaXa
A Coruña será sede do encontro do 19 ao 21 de febreiro, con 1.134 participantes de nove escolas de toda España e competicións repartidas entre Elviña e instalacións municipais
A CORUÑA udc camiños
19 Feb 2026

A cidade da Coruña converterase entre o 19 e o 21 de febreiro no punto de encontro de Intercaminos 2026, a XXXIV edición da olimpíada deportiva universitaria na que compiten estudantes de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos. Nesta ocasión, a Universidade da Coruña (UDC) exerce como sede oficial dun evento que reunirá 1.134 alumnos e alumnas procedentes de nove escolas de todo o Estado.

A organización corre a cargo do Club Deportivo Camiños Coruña, asociación estudantil da ETS de Enxeñaría de Camiños da UDC, e o programa inclúe disciplinas como fútbol 7, fútbol sala, balonmán, baloncesto, atletismo, voleibol, tenis e pádel, ademais de xogos tradicionais como brilé, socatira ou carreira de sacos. Desde o club organizador salientan que a cita vai máis alá da competición e aposta pola convivencia, o compañeirismo e o traballo en equipo entre as futuras xeracións de profesionais.

A participación da UDC terá un peso destacado, cun cento de estudantes presentes en todas as modalidades. Xunto ao apartado deportivo, Intercaminos suma actividades sociais e culturais para reforzar os vínculos entre alumnado de diferentes cidades e favorecer unha rede de contactos e amizade.

No plano loxístico, o evento conta coa colaboración do Concello da Coruña coa cesión de instalacións deportivas municipais en Labañou, Os Rosales e Visma, así como as pistas de tenis Salvador de Madariaga e Rafael Alberti. A Xunta de Galicia tamén colabora facilitando o uso do Pavillón do Agra II.

O calendario arrinca este xoves 19 no campus de Elviña. A partir das 15.00 horas, o Estadio Universitario A Mariña Dourada acollerá as probas de atletismo e varios xogos tradicionais, que quedarán resoltos esa mesma xornada. O venres disputarase o groso das competicións no resto de sedes e celebraranse as fases eliminatorias. As semifinais e finais quedarán para o sábado 21, día no que está prevista a gala de entrega de premios.

⚙ Configurar cookies
0.080852031707764