A UDC reforza o seu despregue en Ciencias da Saúde coa creación do Departamento de Medicina

ACoruñaXa
O novo órgano integrará 10 áreas de coñecemento e nace como peza clave para afrontar a docencia descentralizada do Grao de Medicina ata o curso 2028/2029
A CORUÑA UDC
26 Mar 2026

A Universidade da Coruña deu un novo paso na súa aposta polos estudos de Medicina coa aprobación da creación do Departamento de Medicina, un órgano que estará formado por 10 áreas de coñecemento e que busca facilitar a organización académica do futuro despregue descentralizado da titulación.

A decisión foi adoptada polo Consello de Goberno da UDC na súa reunión deste 25 de marzo, na que se avalou a posta en marcha dunha estrutura chamada a coordinar a docencia das distintas especialidades médicas e biomédicas. O novo departamento integrará as áreas de anatomía e embrioloxía humana, cirurxía, farmacoloxía, fisioloxía, historia da ciencia, medicina, medicina preventiva e saúde pública, otorrinolaringoloxía, psiquiatría e radioloxía e medicina física.

A universidade considera que esta agrupación permitirá mellorar a planificación docente do ensino descentralizado de Medicina, favorecer a colaboración entre especialidades e consolidar a proxección académica e social deste ámbito. Na súa posta en marcha, o departamento contará con 49 membros do persoal docente e investigador, unha cifra que se incrementará coas futuras incorporacións nas diferentes áreas.

A creación deste novo órgano enmárcase no acordo subscrito polas tres universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia e polas Consellerías de Sanidade e de Educación para avanzar na descentralización da docencia de Medicina. Ese calendario prevé que toda a formación de 4º, 5º e 6º curso, tanto teórica como práctica, estea completada no curso 2028/2029.

A UDC dispón ademais xa dunha memoria de titulación de Medicina aprobada en febreiro pola Xunta de Facultade de Ciencias da Saúde, un paso previo que evidencia o traballo interno desenvolvido arredor desta nova etapa formativa.

Na mesma sesión, o Consello de Goberno aprobou tamén o nomeamento de dous novos profesores eméritos: Ricardo García Mira, catedrático da Facultade de Ciencias da Educación, e Luis González García, profesor de Filoloxía. Ademais, saíu adiante a convocatoria dos Premios Extraordinarios de Doutoramento correspondentes ao curso 2024/25, aos que poderán optar as persoas que defendesen a súa tese entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de xullo de 2025 e obtivesen a cualificación de sobresaliente con mención Cum Laude.

A reunión foi tamén a última sesión ordinaria do Consello de Goberno coa súa composición actual. O próximo 15 de abril constituirase o novo órgano, adaptado á LOSU e aos novos Estatutos da universidade, tras o proceso electoral desenvolvido nos centros e no Claustro.

0.14124703407288