A UDC proxecta a iniciativa dunha incubadora de Alta Tecnoloxía 'Sinerxía'

ACoruñaXa
Configúrase como unha oportunidade para facer medrar o ecosistema tecnolóxico de Galicia
cidade das TIC
Cidade das TIC
28 Xul 2024

Dentro do plan de actuación que está a levar a cabo a Universidade da Coruña na Cidade das TIC, a UDC proxecta a posta en marcha dunha nova infraestrutura dirixida a potenciar a transferencia de coñecemento no ámbito da IA. Trátase de sinerxIA, unha Incubadora de Alta Tecnoloxía en Intelixencia Artificial, iniciativa que vén de presentarse á segunda Convocatoria da Fundación INCYDE para Infraestruturas destinadas a Incubadoras de Alta Tecnoloxía en sectores estratéxicos emerxentes en Europa-Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro do Programa Plurirrexional España 2021-2027.

Esta incubadora configúrase como unha oportunidade para facer medrar o ecosistema tecnolóxico de Galicia e consolidar o Polo Tecnolóxico da Cidade das TIC. Permitirá conectar as capacidades e esforzos público-privados para o desenvolvemento de novas solucións tecnolóxicas no ámbito da IA, mediante a creación e desenvolvemento de StartUps, actuando como vehículo de transferencia de tecnoloxía aos sectores empresariais vinculados á saúde e biotecnoloxía, sector industrial e emprendemento dixital.

Para a posta en marcha de SinerxIA, que conta co apoio do Igape, prevese a rehabilitación dun edificio xa existente, situado ao carón do Centro de Servizos Avanzados (CSA), e que conta cuns 2.200 m2 de superficie. Así, o plan baséase na rehabilitación, adecuación e distribución dos usos a través do acondicionamento dos diferentes espazos dos que se beneficiarán as empresas. En total, a UDC espera contar cunha dotación económica superior aos 5 millóns de euros para poder levar a cabo esta actuación.

A Convocatoria da Fundación INCYDE

Esta convocatoria ten como obxectivo contribuír ao desenvolvemento do tecido produtivo rexional a través da coordinación de Estratexia Rexional de Investigación e Innovación para una Especialización Intelixente (RIS3), así como a promoción das iniciativas de I+D+I.
Os proxectos presentados deberán ten como finalidade promover a transformación económica da rexión de execución do proxecto, pero tamén nacional e europea, e mellorar a competitividade e modernización das empresas incubadas a través do fomento da innovación e a transferencia de tecnoloxía.

Referente TIC e audiovisual

A Cidade das TIC conta na actualidade coas seguintes actuacións: o Galaxy Lab, centro de experimentación avanzada de Intelixencia Artificial; o Centro de Servizos Avanzados (CSA), un espazo de traballo e colaboración do sector TIC, en funcionamento e financiado con fondos do IGAPE; o Plató Virtual, impulsado pola Deputación da Coruña, e que ten as obras en marcha; o Centro de Formación Especializada, promovido pola Xunta de Galicia, actualmente en fase de redacción do proxecto; e por último, a creación de varios platós físicos, complementarios aos virtuais, promovidos por Pedralonga Estudios, unha agrupación de empresas do sector audiovisual de Galicia, que prevé a construción de dous platós que situarán a Galicia como referente para as rodaxes.

0.19693779945374