A UDC propón unha descentralización da titulación de Medicina con participación das tres universidades galegas

ACoruñaXa
A institución coruñesa aposta por un modelo progresivo e colaborativo, cun convenio único do SERGAS e un compromiso de adiamento ata 2027 se se cumpren as condicións acordadas
A CORUÑA consello goberno udc
Consello de goberno da UDC
4 Nov 2025

O Consello de Goberno da Universidade da Coruña (UDC) abordou a proposta de descentralización da titulación de Medicina, unha iniciativa que aposta por un modelo académico e sanitario compartido entre as tres universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

O reitor da UDC, Ricardo Cao, explicou que o documento presentado recolle nove puntos estruturados en cinco eixes principais. O obxectivo é avanzar cara a unha docencia descentralizada dos cursos de 4º, 5º e 6º de Medicina, implicando tanto ao sistema universitario como ao sanitario. Segundo indicou, o plan busca que todos os hospitais do SERGAS poidan participar na formación do alumnado, ao tempo que se promove a colaboración do profesorado das tres universidades galegas baixo a coordinación de cada institución.

A proposta tamén inclúe a creación dun convenio único entre o SERGAS e as tres universidades, co fin de establecer de maneira clara que centros hospitalarios estarán vinculados a cada institución, respectando o criterio territorial (CHUAC coa UDC, CHUS coa USC e CHUVI coa UVigo).

A descentralización desenvolveríase en dous cursos académicos (2026/2027 e 2027/2028) e suporía un reforzo da docencia clínica no SUG. En canto ao financiamento, o documento sinala que os custes asociados deberán contemplarse fóra do plan ordinario, aspecto no que existe coincidencia entre as tres universidades.

Para favorecer un acordo común, a UDC comprométese a adiar o envío da memoria para a verificación do seu título propio de Medicina ata o ano 2027, sempre que se cumpran as condicións recollidas no texto. En caso contrario, a universidade reservarase o dereito a continuar co seu proxecto.

Cao insistiu en que a proposta é 'coherente, leal, razoable e xenerosa', subliñando que a UDC mantén a vontade de colaboración, mais sen renunciar á súa capacidade docente e organizativa.

⚙ Configurar cookies
0.071969985961914