A UDC propón ampliar as prazas de novo ingreso en cinco graos para o curso 2026/27

O Consello de Goberno da Universidade da Coruña (UDC) aprobou este 4 de febreiro a proposta de límite de prazas de novo acceso para o curso 2026/27, que será remitida agora á Xunta de Galicia para a súa validación definitiva. A institución plantexa aumentar a oferta en cinco titulacións de grao, sumando 54 prazas ás actuais 3.374 distribuídas en 55 graos.
En concreto, a UDC propón elevar Arquitectura Técnica de 50 a 75 prazas (25 máis), Bioloxía de 63 a 70 (7 máis), Ciencia e Enxeñaría de Datos ata 65 (5 máis), Relacións Laborais e Recursos Humanos ata 60 (10 máis) e Relacións Internacionais ata 30 (7 máis).
No ámbito de posgrao, coa previsión de achegarse ás 1.800 prazas totais en 79 másters (dous de nova implantación), a universidade solicita un incremento de 32 prazas en catro programas: Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria, Planificación e Xestión de Destinos e Produtos Turísticos, Informática Industrial e Robótica e Tecnoloxía Téxtil e Moda Sostible.
Na mesma sesión aprobouse a posta en marcha do Curso de Formación Específica de Adestramento Físico Adaptado a Persoas con Cancro, dirixido a profesionais das Ciencias da Actividade Física e do Deporte e das Ciencias da Saúde, co obxectivo de afondar no deseño e supervisión de programas de exercicio adaptado. A formación enmárcase na Cátedra AECC (UDC) Exercicio Contra o Cancro, terá formato híbrido e a preinscrición abrirase en abril. Tamén recibiu o visto e prace a microcredencial en Prescrición de Prácticas Motrices na Enfermidade Renal Crónica, un programa en liña orientado a capacitar o estudantado para avaliar a condición física, deseñar plans adaptados e identificar riscos e contraindicacións.
En materia interna, o reitor Ricardo Cao informou do calendario de procesos electorais previsto polos novos Estatutos. A próxima semana activaranse as eleccións de representación no Claustro, nas Xuntas de Centro e nos Consellos de Departamento, coas votacións previstas para marzo. Ademais, continúan os procesos para elixir as direccións dos centros de investigación, con votacións fixadas para o 13 de febreiro e coa esixencia de obter máis da metade dos votos mesmo cando haxa unha única candidatura. Tamén se comunicou que Ana Belén Maseda Rodríguez foi elixida para dirixir a Escola Internacional de Doutoramento.
O Consello de Goberno designou igualmente a nova representación da UDC na sociedade xestora da Cidade das TIC nesta etapa na que a presidencia pasa a ostentala o Concello da Coruña: o reitor Ricardo Cao, a adxunta de Investigación Amalia Jácome e a xerenta María Jesús Grela.
Por último, a UDC aprobou unha declaración de solidariedade coa Universidade de Birzeit (Cisxordania) e co pobo palestino, na que expresa preocupación polos feitos do 6 de xaneiro no campus e reclama o respecto estrito do dereito internacional, a protección da comunidade universitaria e a salvagarda da seguridade, integridade e autonomía das universidades.