A UDC programará en 2026 importantes obras de rehabilitación en tres edificios emblemáticos do seu patrimonio

ACoruñaXa
As actuacións na ETS de Náutica, no Pavillón de Colonias do Campus de Oza e na aula Xoana Capdevielle contan cun investimento de 2,8 millóns de euros financiados maioritariamente pola Xunta e coa colaboración da Deputación da Coruña
A CORUÑA edificio patrimonio udc
12 Dec 2025

A Universidade da Coruña acometerá durante o ano 2026 un ambicioso paquete de intervencións en tres dos seus inmobles máis singulares, enmarcadas no Plan Integral de Rehabilitación, Mellora Enerxética e Humanización (PIRMEH). Este plan pretende corrixir déficits de mantemento acumulados desde a crise de 2008 e parte dunha diagnose técnica completa do estado dos edificios da UDC, que permitirá establecer cada ano as prioridades de actuación en base a criterios como seguridade, habitabilidade, estanquidade, accesibilidade e eficiencia enerxética.

O investimento total previsto ascende a 2,8 millóns de euros, procedentes maioritariamente do Plan de Infraestruturas Universitarias da Xunta de Galicia e complementados cunha achega da Deputación da Coruña. Os procedementos administrativos están xa en marcha para que as obras poidan comezar a principios de 2026 e queden finalizadas no mesmo exercicio.

A intervención máis relevante será na ETS de Náutica, edificio histórico con máis de 75 anos e de grande valor patrimonial. O investimento, de 1,5 millóns de euros, permitirá solucionar as importantes filtracións da cuberta mediante a substitución do fibrocemento por unha nova cuberta de zinc, con baixantes vistas que respectan a modulación arquitectónica orixinal. Tamén se renovarán as carpintarías exteriores, que pasarán a ser de madeira, e acometerase a reparación da fachada con pinturas ao silicato para manter o carácter do inmoble.
Outro dos eixos fundamentais será a mellora da accesibilidade, mediante unha actuación na entrada principal que permitirá o acceso de persoas con mobilidade reducida sen alterar o valor arquitectónico do vestíbulo. Ademais, renovarase un paquete de aseos para cumprir criterios de accesibilidade universal, reforzando o compromiso da UDC coa inclusión.

O Pavillón de Colonias, ligado á memoria colectiva da cidade e actualmente ao servizo das facultades de Fisioterapia, Ciencias da Saúde e Enfermaría, contará cun investimento duns 500.000 euros.
A actuación centrarase na rehabilitación das fachadas e na limpeza e acondicionamento de cubertas, coa finalidade de evitar desprendementos e garantir a seguridade. Tamén se repararán carpintarías e antepeitos de forxa, mantendo solucións e materiais orixinais. O inmoble, construído en 1926, foi rehabilitado nos anos 90 polo arquitecto Manuel de las Casas, recoñecido co Premio Nacional de Arquitectura en 1999 pola sensibilidade coa que integrou a arquitectura histórica no seu entorno.

A terceira actuación programada para 2026 será no edificio da aula de estudo Xoana Capdevielle, no Campus de Elviña, cun investimento próximo aos 800.000 euros. A obra permitirá solucionar definitivamente as filtracións existentes e mellorar o confort e a eficiencia enerxética da sala mediante un novo sistema de impermeabilización e a incorporación de illamento térmico na cuberta e na envolvente.
A aula, que ofrece máis de 650 postos de estudo e permanece aberta mesmo en períodos non lectivos, é un recurso esencial para garantir a igualdade de oportunidades académicas.

No marco do PIRMEH, a UDC está a desenvolver ademais outras actuacións de menor entidade en diferentes centros, entre elas melloras en cubertas da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física, da EU de Arquitectura Técnica e da ETS de Camiños, Canais e Portos; intervencións na fachada da Facultade de Ciencias da Educación; a restauración da galería de madeira da Facultade de Humanidades ou a impermeabilización da fachada do Salón de Actos do Campus de Ferrol.

Segundo a Vicerreitoría de Infraestruturas e Sustentabilidade, as achegas do Plan de Infraestruturas Universitarias teñen permitido desde 2023 avanzar na prioridade estratéxica da UDC: preservar e poñer en valor o seu patrimonio construído, especialmente no caso dos edificios históricos, garantindo a súa conservación e funcionalidade a longo prazo.

⚙ Configurar cookies
0.04782509803772