A UDC presentará a próxima semana un orzamento para 2026 que supera os 184 millóns de euros

ACoruñaXa
As contas, que medran en 12,1 millóns respecto de 2025, priorizan o persoal, a investigación e as infraestruturas como a Cidade das TIC e o novo edificio EI3 de Ferrol
Orzamentos UDC
13 Dec 2025

A Universidade da Coruña vén de remitir ao Consello de Goberno e ao Consello Social a proposta de orzamentos para 2026, que acadará os 184,2 millóns de euros, isto é, 12,1 millóns máis que o exercicio anterior. O documento someterase a votación no Consello de Goberno o vindeiro martes 16 de decembro e, unha vez conte co seu visto e prace, chegará ao Pleno do Consello Social, órgano encargado da aprobación definitiva, o xoves 18.

O incremento global débese, por unha banda, ao crecemento dos ingresos ordinarios, tanto do plan de financiamento como das matrículas, que experimentan un aumento moderado do 3 por cento, e, pola outra, á captación de fondos finalistas adicionais, entre eles os vinculados ao convenio da Cidade das TIC.

A principal partida do orzamento seguirá a ser a de persoal, o Capítulo I, cun volume de 119,7 millóns de euros, arredor do 65 por cento do total. Neste capítulo destaca a achega de máis de 2 millóns de euros do programa Maria Goyri, cofinanciado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que permitirá estabilizar prazas de profesorado axudante doutor.

O investimento en investigación roldará os 25 millóns de euros e, no ámbito das infraestruturas, salientan as cantidades destinadas ás obras de rehabilitación da Cidade das TIC, co apoio económico do Concello da Coruña, e ao inicio da construción do edificio EI3 en Ferrol, financiado pola Xunta de Galicia.

En coherencia co plan de axuste posto en marcha en 2024 e coas medidas xa incorporadas ao orzamento de 2025, a UDC manterá a contención do gasto corrente como un dos eixes de traballo cara ao reequilibrio das contas. Tal e como expuxo o vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, Ángel Fernández, na recente sesión do Claustro, a sustentabilidade financeira da institución require dunha mellora do financiamento estrutural, de maneira que a solución non pase por cronificar achegas extraordinarias de ingresos.

A dirección da UDC confía en que a aprobación do orzamento de 2026 permita consolidar o actual nivel de actividade docente e investigadora e avanzar nos proxectos estratéxicos de campus, mantendo ao tempo un control rigoroso sobre o gasto.

⚙ Configurar cookies
0.078579187393188