A UDC presenta o cuarto volume do Anuario de Estudos Marítimos, unha referencia no sector

ACoruñaXa
Este novo volume reúne unha selección de traballos e reflexións que se centran na sustentabilidade e na economía azul
corunha-anuario-maritimo
1 Jul 2025

Tivo lugar na Reitoría da Universidade da Coruña a presentación do cuarto volume do Anuario de Estudos Marítimos, unha publicación promovida polo Instituto Universitario de Estudos Marítimos da UDC que continúa a consolidarse como unha obra de referencia para o estudo integral da realidade marítima contemporánea.

No acto participaron o reitor da UDC, Ricardo Cao; a directora do Instituto Universitario de Estudos Marítimos, Isabel Novo Corti; e a codirectora da publicación, María José Rodríguez Docampo.

Este novo volume reúne unha selección de traballos e reflexións que se centran na sustentabilidade e na economía azul, abordados desde tres perspectivas principais: Dereito, Economía e Náutica. O propósito é ofrecer unha visión completa dos retos que enfronta o sector marítimo, ademais de achegar propostas innovadoras que favorezan o seu desenvolvemento sostible.

Entre os temas analizados atópanse cuestións de máxima actualidade, como a ocupación do espazo marítimo polas enerxías renovables ou a limitación da responsabilidade na navegación de recreo desde a óptica xurídica. No bloque económico, abórdase o impacto da intelixencia artificial e do blockchain no emprego marítimo, a competitividade dos portos galegos e a eficiencia técnica dos principais portos de España.

No ámbito da Náutica, o anuario reflexiona sobre as propostas de reorganización institucional do Estado no mar, o papel do gas licuado e do hidróxeno na descarbonización, así como a gobernanza pesqueira no Atlántico Sur Occidental.

Estas achegas proceden de especialistas de nove universidades e centros internacionais de excelencia, reforzando o compromiso da publicación cos valores da sustentabilidade, o desenvolvemento azul e a transformación dixital do sector marítimo.

Na súa intervención, María José Rodríguez destacou “non só temos incrementado a diversidade xeográfica e temática, senón que elevamos o rigor académico e incorporamos valiosas visións comparadas, especialmente en temas como gobernanza marítima, sustentabilidade e dixitalización do sector”.

Pola súa banda, o reitor Ricardo Cao resaltou o alcance do traballo, sinalando que “trata unha temática de grande impacto no noso día a día, especialmente en momentos de incerteza xeopolítica internacional como a que estamos a vivir nestes últimos anos, que xeran preocupación e impacto na economía global e local”.

⚙ Configurar cookies
0.18501210212708