A UDC participa nun proxecto europeo para reducir a contaminación fluvial que chega ao Atlántico

O Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) da Universidade da Coruña formará parte do proxecto europeo RIVERS-REST, recentemente aprobado polo programa de cooperación internacional Interreg Atlantic Area, cun financiamento total de case 3 millóns de euros.
A proposta, impulsada polos investigadores da UDC vinculados ao Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), parte dunha preocupación urxente: a necesidade de reducir a carga contaminante que os ríos verten ao océano Atlántico, un problema que afecta tanto ao medio ambiente como á funcionalidade e sustentabilidade do sistema hídrico. Tamén ten consecuencias directas sobre a Economía Azul, influíndo na navegabilidade fluvial ou na rexeneración de praias.
O proxecto, titulado RIVERS RESToration to reduce erosion and the transport of sediments & pollutants to the ATLANTIC Ocean, estará liderado na UDC por Jerónimo Puertas Agudo, e propón novas solucións técnicas e modelos de gobernanza que permitan reducir a escorrentía de sedimentos e contaminantes químicos cara aos ríos e ao Atlántico. Ademais, prevé experimentar con enfoques innovadores de restauración ambiental, así como desenvolver ferramentas e métodos de planificación capaces de abordar estes retos de forma efectiva.
A intención do equipo investigador é clara: recuperar os ríos como ecosistemas vivos, que manteñan os seus valores naturais e funcionen como fontes de sedimentos fértiles que nutran as praias. Desta maneira, tamén se contribuirá a reducir riscos de inundacións e impactos ambientais. Para conseguilo, o proxecto aplicará unha combinación de solucións baseadas na natureza, promoción dunha agricultura máis sostible e reforzo das conexións ecolóxicas entre o interior, a costa e as contornas urbanas, sempre conciliando a protección ambiental co desenvolvemento económico.
O proxecto tamén contempla políticas de ordenación do territorio e proxectos piloto que permitan frear a erosión e devolver os sedimentos ao seu curso natural.
A colaboración internacional
O proxecto RIVERS-REST, cun orzamento global de 2,8 millóns de euros, arrancará en setembro e contará cun amplo consorcio internacional. En España, ademais da UDC, participan entidades andaluzas como a Agencia de Régimen Especial del Ciclo Integral de las Aguas del Retortillo, a Confederación Hidrográfica del Guadalquivir, a Autoridad Portuaria de Sevilla e Andalus Organic, S.L.
Desde Francia, únense ao proxecto o Grand Port Maritime de Bordeaux, o Syndicat Mixte pour le Développement Durable de l’Estuaire de la Gironde e a Université de Limoges. En Portugal participan Águas do Algarve e a Universidade de Coimbra; e en Irlanda, o Trinity College Dublin.
Con esta iniciativa, a Universidade da Coruña refórzase como referente na investigación ambiental a nivel europeo, apostando pola ciencia ao servizo da sustentabilidade.