A UDC participa nun proxecto europeo para deseñar cidades sostibles co concepto "cidade de 15 minutos"

A Universidade da Coruña participa activamente no proxecto europeo COVER (Combinatorial Optimisation for Versatile Applications to Emerging Urban Problems), unha iniciativa que persegue transformar as cidades europeas a través do concepto da "cidade de 15 minutos". Este modelo urbano propón que os servizos esenciais como traballo, compras, educación, saúde ou lecer estean accesibles en só 15 minutos a pé, en bicicleta ou en transporte público desde calquera punto da cidade. O obxectivo? “Reducir a dependencia do coche, fomentar estilos de vida máis saudables e sostibles, á vez que mellora o benestar xeral e a calidade de vida dos residentes urbanos”.
Financiado pola European Research Executive Agency (REA) cun orzamento de 395.600 euros no marco da acción HORIZON TMA MSCA Staff Exchanges, COVER desenvolverase entre xaneiro de 2025 e decembro de 2027, cunha duración total de 36 meses. A través do uso de ferramentas avanzadas de optimización matemática, o consorcio internacional que integra o proxecto pretende propoñer solucións innovadoras aos principais retos das cidades actuais.
O consorcio está composto por once universidades europeas e sudafricanas, entre elas a Universidade da Coruña, a través das investigadoras María José Souto Salorio, catedrática do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información; María José Pereira Sáez, docente do Departamento de Economía; e María González Taboada, do Departamento de Matemáticas. As tres forman parte dos grupos de traballo que están a definir os modelos matemáticos aplicados a problemas como a mobilidade, o transporte ou a localización de servizos públicos.
Durante a primeira reunión presencial do proxecto, que tivo lugar o pasado mes de abril na Gebze Technical University (Turquía), os representantes das institucións participantes puxeron enriba da mesa os primeiros problemas urbanos a abordar. Agora, os equipos investigadores traballan na formulación de modelos que serán presentados en setembro durante un encontro en Eslovenia.
Ademais das universidades, COVER conta coa participación de entidades non académicas como a empresa turca Optiyol, especializada en algoritmos de planificación; a española CityBike, xestora do sistema de bicicletas públicas Mevo en Polonia; e a empresa de software Jit Team, tamén con sede en Polonia.
Entre os obxectivos estratéxicos destacan o “intercambio de coñecemento mediante estancias presenciais de investigación por un total de 86 meses ao longo dos tres anos, a cooperación activa entre universidades, empresas e administracións locais e o desenvolvemento de modelos matemáticos aplicados a retos urbanos concretos”.
COVER nace coa vocación de combinar excelencia investigadora, innovación aplicada e impacto social, e aspira a converterse nun referente europeo na creación de cidades máis intelixentes, humanas e sostibles.