A UDC participa nun estudo internacional que rastrexa o impacto global da ostra do Pacífico

A próxima vez que alguén deguste unha ostra en calquera recuncho do planeta, o máis probable é que esa ostra proceda dunha pequena rexión do nordeste de Xapón: a prefectura de Miyagi. Así o confirma un novo estudo internacional no que participou a investigadora da Universidade da Coruña Lucía Couceiro López, recentemente publicado na prestixiosa revista PNAS (Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America).
O traballo, liderado polo investigador Erik Sotka do College of Charleston (EUA), contou coa colaboración de 26 institucións de 10 países distintos e utilizou técnicas avanzadas de análise xenética combinadas con inferencia estatística bayesiana para reconstruír o camiño seguido pola ostra do Pacífico (Magallana gigas) na súa expansión mundial, así como dos múltiples organismos que viaxaron con ela.
Os resultados indican que a gran maioría das ostras cultivadas no mundo proceden da devandita zona de Xapón, sendo o mar interior de Seto unha fonte secundaria. O éxito desta expansión atribúese á “adaptación ambiental deliberada”: as ostras foron introducidas en rexións con condicións semellantes ás da súa orixe, como se fai tamén con cultivos como a soia.
Pero o estudo vai máis alá da traxectoria da ostra: tamén analiza as consecuencias ecolóxicas desta práctica acuícola. A diversidade xenética das poboacións introducidas varía notablemente segundo a rexión. Algunhas conservaron unha alta variabilidade, mentres que outras —como as do norte de Europa ou Sudamérica— sufriron perdas significativas que poderían dificultar a súa adaptación a futuras ameazas como enfermidades ou o cambio climático.
Outro dos aspectos máis relevantes da investigación é o papel das ostras como vehículos de invasión mariña. Comparando datos de 14 especies que viaxaron con elas, o estudo identifica seis que foron introducidas directamente polos transplantes de ostras, mentres que outras cinco chegaron probablemente a través do transporte marítimo.
Este achado subliña a importancia de manter medidas de control rigorosas tanto na acuicultura como no transporte internacional, xa que, malia os avances en bioseguridade, os barcos seguen sendo un dos principais vectores de introdución de especies invasoras.
A participación galega neste estudo reforza o papel das universidades do país na investigación mariña internacional e evidencia o peso científico da Universidade da Coruña na análise das dinámicas globais do medio mariño.