A UDC participa no lanzamento dun proxecto europeo para modernizar a xestión da auga urbana

A Universidade da Coruña forma parte do consorcio internacional que esta semana puxo en marcha en Grecia o proxecto UrbaQuantum, unha iniciativa financiada pola Unión Europea a través do programa Horizon Europe, que ten como obxectivo transformar a xestión da auga nas contornas urbanas. Coordinado polo Cyprus Research & Innovation Centre, o proxecto reúne 18 socios de seis países (Chipre, Grecia, Francia, Alemaña, España e o Reino Unido) e desenvolverase ao longo dos próximos catro anos.
UrbaQuantum busca establecer un novo paradigma na xestión integrada da auga urbana (IUWM, nas súas siglas en inglés), abordando retos clave como o cambio climático, a contaminación, a reurbanización desde unha perspectiva hídrica, o envellecemento das infraestruturas e o deseño de políticas públicas neste ámbito. Os casos de estudo desenvolveranse en Atenas, París, o suroeste do Reino Unido e A Coruña.
Na cidade galega, a UDC estará representada polo Grupo de Investigación en Reactividade Química e Fotorreactividade (REACT!), que liderará o caso local en colaboración coa empresa pública EMALCSA. Ademais, este grupo asumirá a coordinación de todo o paquete de traballo relativo aos estudos de caso e á implicación das empresas participantes nos diferentes países implicados.
O proxecto céntrase en mellorar os procesos de tratamento da auga, considerando novas ameazas tanto en augas para o consumo humano como en augas residuais e recreativas. Tamén abordará a detección e vixilancia de microplásticos e a xestión de eventos de desbordamento, co obxectivo de garantir a seguridade hídrica, a saúde pública e a resiliencia fronte ao cambio climático.
Trátase de desenvolver solucións prácticas para mellorar a modelización, a detección e a toma de decisións en todas as fases do ciclo da auga, indican desde a organización do proxecto, que destaca a combinación entre innovación tecnolóxica e aplicación práctica como un dos piares de UrbaQuantum.
O profesor da UDC Moisés Canle, investigador principal do grupo React!, participou na reunión de lanzamento celebrada en Grecia, onde presentou as liñas xerais do paquete de traballo que lidera a universidade herculina. Durante a súa intervención, puxo sobre a mesa os principais desafíos técnicos e os riscos asociados á complexidade das tarefas previstas. Está previsto que, proximamente, A Coruña acolla unha reunión de todos os equipos internacionais implicados, fortalecendo así a colaboración científica arredor dun dos recursos máis vitais para o futuro das cidades: a auga.