A UDC organiza unha xornada de orientación sobre a oferta académica para o curso 2025-2026

A Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña (UDC) acollerá o vindeiro xoves, 20 de febreiro, unha xornada dirixida ao persoal dos departamentos de Orientación de Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Superior de toda Galicia. O encontro, enmarcado no 'Programa de Difusión da Oferta Académica dos Graos da UDC #EFECTOUDC', celebrarase entre as 9.30 e as 14.00 horas.
O obxectivo da xornada é dar a coñecer as titulacións de grao que se ofertarán no curso 2025-2026, as características dos centros da UDC e a vida universitaria, ademais dos novos modelos de exame da Proba de Acceso á Universidade (PAU). O evento desenvolverase en formato híbrido, permitindo a participación tanto en liña como presencial na ETS de Náutica e Máquinas.
Entre os participantes destacan a vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade, María José Lombardía Cortiña; o vicerreitor de Titulacións e Internacionalización, Moisés Canle López; o profesor Pedro Armas Diéguez; a subdirectora da ETS de Náutica e Máquinas, Alsira Salgado Don; e o director do centro anfitrión, Manuel Romero Gómez. A organización da xornada corre a cargo da Vicerreitoría de Estudantes e Empregabilidade da UDC, a través do Servizo de Estudantes.
PROGRAMA
Ás 9.30 horas terá lugar a recepción das persoas orientadoras dos centros de Bacharelato e FP. Un total de 88 participantes confirmaron a súa asistencia, 33 de xeito presencial e 55 por vía telemática. Ás 10.00 horas, a vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade, María José Lombardía, dará a benvida aos asistentes e realizará unha breve introdución sobre as campañas de divulgación e a vida universitaria na UDC.
Ás 10.15 horas, o vicerreitor de Titulacións e Internacionalización, Moisés Canle, presentará a oferta académica de grao da UDC, destacando as titulacións máis consolidadas e singulares. Ás 10-45 horas, o profesor Pedro Armas Diéguez explicará os novos modelos de exame da PAU. Xa as 11.15 horas, a subdirectora da ETS de Náutica e Máquinas, Alsira Salgado Don, ofrecerá unha charla de astronomía titulada "O Lucero da Alba e a Navegación".
Ao remate da xornada, ás 12.00 horas, os asistentes presenciais poderán participar nunha visita guiada polas instalacións da ETS de Náutica e Máquinas, incluíndo os simuladores de navegación e sistemas de propulsión de buques, o Dique de Abrigo e unha travesía en veleiro polo porto interior da Coruña.