A UDC organiza o Foro Avanza os días 15, 16 e 17 de outubro na Facultade de Economía e Empresa

ACoruñaXa
O día 17 de outubro celebrarase, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 15.30 a 19.00 horas, unha Feira de Emprego no Pavillón de Deportes do Campus  de Elviña
facultade de economia e empresa da UDC
11 Oct 2024

A vicerreitoría de Estudantes e  Empregabilidade da Universidade da Coruña organiza un ano máis o Foro Avanza, que terá lugar durante os días 15, 16 e 17 de outubro na Facultade de Economía e Empresa da UDC e o Pavillón de Deportes do Campus de Elviña. Haberá diversas charlas, mesas redondas e obradoiros relacionados coa  empregabilidade.

A axenda de actividades dará inicio o martes, día 15 de outubro, ás 10.00 horas, coa benvida institucional por parte de María José Lombardía, vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade da UDC. A continuación, ás 10.15 horas, a experta en formación e mentoría Nelly Rey, ofrecerá unha conferencia sobre as estratexias para a inserción laboral. A continuación, terá lugar unha mesa redonda con persoas egresadas na UDC, que falarán sobre as súas experiencias persoais de incorporación ao mundo  laboral. Para rematar a primeira xornada, Estefenía Mourelle, adxunta de Empregabilidade da UDC, informará aos asistentes sobre as posibilidades que  lles ofrece a Unidade de Emprego da UDC.

Xa o segundo día, a xornada dará comezo ás 10.00 horas co relatorio impartido por Teresa Bernal, subdirectora xeral de Cambio Climático e Organización do  Litoral da Xunta de Galicia, quen orientará ao alumnado sobre como acceder, progresar e realizarse profesionalmente na Administración Pública. A continuación, Covadonga López, conselleira da Rede EURES, do Servizo Público de Emprego de Galicia, ofrecerá información sobre as posibilidades de  traballo en Europa.

Continuando coas charlas institucionais, Belén Liste, subdirectora Xeral de Emprego e Relacións laborais da Xunta de Galicia, dará a coñecer as axudas para emprender e as iniciativas de emprego de base tecnolóxica 8IEBT). A xornada rematará coa presentación dos programas de emprendemento da UDC, por parte da Unidade de Emprego da institución.  ​

Xa o día 17 de outubro celebrarase, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 15.30 a 19.00 horas, unha Feira de Emprego no Pavillón de Deportes do Campus  de Elviña. Coa fin de achegar o mundo profesional ao académico, a feira  contará con postos de máis de corenta empresas, entidades e asociacións.

Durante a xornada haberá diversas actividades ofrecidas polas empresas e entidades participantes - presentacións corporativas, acceso a ofertas de  emprego e prácticas, etc., que serán entre as 10.30 e as 13.05 horas.

Así mesmo, a Feira contará con probas de selección en vivo con responsables de captación do talento universitario de Deloitte, Dragados, Vías y Construcciones, Tecsa, Drace, Geocisa e PwC.

Ao final do día terá lugar un sorteo con agasallos achegados polas empresas colaboradoras, que á súa vez tamén realizarán sorteos nos seus postos.

0.086665868759155