A UDC lanza 'O Recuncho Singular' para facer visible o seu patrimonio documental

ACoruñaXa
A exposición virtual do SRDA/CEDAR amosa na súa primeira fase 16 pezas excepcionais: mapas históricos, pergamiños, cartas e fondos da Escola de Comercio
A CORUÑA exhibicion antigua udc
9 Oct 2025

O Servizo de Rexistro, Documentación e Arquivo (SRDA) da Universidade da Coruña presenta O Recuncho Singular, unha exposición virtual pensada para poñer en valor e facilitar o acceso ao patrimonio documental da institución. A iniciativa pretende achegar á comunidade universitaria e á cidadanía pezas singulares dos fondos do Centro de Documentación e Arquivo (CEDAR), desde pergamiños medievais e cartas históricas ata mapas e expedientes escolares.

A primeira fase recolle 16 títulos seleccionados entre os arquivos da UDC. Entre as pezas destacadas figura un mapa de Gallaecia que podería pertencer ao Atlas de Mercator/Hondius (circa 1611), unha carta executoria de fidalguía expedida pola Real Audiencia e Chancillería de Valladolid, e o gravado Combat de la Corogne de Hippolyte Lecomte que documenta os feitos das guerras napoleónicas na contorna da Coruña. Tamén se presenta unha carta de Castelao a Victoriano García Martí (circa 1908), unha carta náutica de Johannes van Keulen (s. XVII) e un inventario de bens de 1812 realizado por José Antonio Suárez de Pazos, que ofrécen claves sobre a vida cotiá e o estatus social da época.

A colección incorpora ademais conxuntos gráficos e documentais relevantes para a historia local e escolar: un lote de 16 tarxetas postais da Coruña de comezos do século XX; as placas de vidro da antiga Escola de Comercio (342 unidades) —documentos audiovisuais docentes do ensino tradicional—; a litografía de Enrique Luard con vistas da cidade; ou o expediente académico de Casares Quiroga, que frecuentou a Escola de Náutica da Coruña no curso 1914/15. Completan a selección pezas como unha carta de Emilio Castelar desde o seu exilio en París e un curioso «Reglamento dos vinte e cinco» de 1949 vinculado á Lotería Nacional.

“O Recuncho Singular” combina rigor investigador e accesibilidade: cada documento vai acompañado de descricións e contexto para facilitar a comprensión do seu valor histórico e documental. A mostra virtual está dispoñible desde hoxe. O proxecto insírese na política da UDC de salvagardar, dixitalizar e divulgar os seus fondos para impulsar o coñecemento e a investigación.

⚙ Configurar cookies
0.076225996017456