A UDC investiga novas estruturas máis seguras, eficientes e sostibles

O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña desenvolve un proxecto que busca transformar o deseño de estruturas como pontes, edificios, compoñentes aeronáuticos ou implantes biomédicos. A iniciativa, que rematará a finais de 2026, aposta pola optimización topolóxica, unha técnica que determina a forma e distribución interna dos materiais para lograr estruturas máis lixeiras, resistentes e sostibles.
O estudo, dirixido por Fermín Navarrina e José París, incorpora factores que raramente se consideran nos modelos tradicionais: o pandeo, os efectos non lineais e os fenómenos dinámicos provocados por vento, ondas ou terremotos. Segundo os investigadores, ter en conta estas variables permite ampliar o uso dos modelos a ámbitos como a enxeñaría civil, industrial, aeronáutica e biomédica.
O proxecto conta con persoal de España, Portugal e Francia, e colaboracións de Estados Unidos e Dinamarca. Forma parte dos Proxectos de Xeración de Coñecemento 2023, que concederon ao CITEEC sete iniciativas cun financiamento global de 1,14 millóns de euros.