A UDC inicia os trámites para implantar o grao en Medicina no curso 2027-2028

ACoruñaXa
A Xunta de Galicia responde ante o anuncio con absoluto desconcerto e traslada o seu desacordo
udc-medicina
28 May 2025

A Universidade da Coruña deu o primeiro paso formal cara á implantación do grao en Medicina, unha proposta que contou co respaldo do Consello de Goberno da institución académica e que aspira a converterse en realidade a partir do curso 2027-2028.

O reitor da UDC, Ricardo Cao, foi o encargado de presentar a iniciativa ao remate da reunión do Consello, destacando que “é un momento clave para comezar a traballar na incorporación desta titulación”, nun contexto no que converxen múltiples razóns que, ao seu xuízo, fan especialmente oportuno o impulso deste proxecto.

Entre os principais argumentos esgrimidos, Cao subliñou a crecente necesidade de formar novos profesionais para afrontar o relevo xeracional previsto no sistema sanitario durante a próxima década, así como a demanda formativa existente en Galicia: o ano pasado, máis de 3.000 persoas solicitaron praza para estudar Medicina nas universidades galegas, para apenas 403 prazas ofertadas.

Ademais, a UDC conta cunha sólida base para afrontar este reto académico, tanto desde o punto de vista docente como investigador e tecnolóxico. Un dos seus puntos fortes é a vinculación co Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), que serve de infraestrutura sanitaria de referencia, así como o traballo desenvolvido no Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), acreditado polo Instituto de Salud Carlos III e con dez anos de traxectoria consolidada.

“Queremos formar profesionais preparados para os retos da Medicina do século XXI, con vocación de servizo público e baixo os estándares de excelencia académica que caracterizan á UDC e ao CHUAC”, apuntou o reitor, quen tamén incidiu na importancia estratéxica que tería este grao para reforzar tanto o sistema universitario como o sanitario en Galicia.

A implantación da titulación está, de momento, en fase inicial, mais a intención da universidade é que se converta nun proxecto sólido e viable que contribúa ao progreso social e científico desde A Coruña.

A XUNTA RESPONDE ANTE O ANUNCIO

A Xunta de Galicia expresa a súa sorpresa e desacordo ante o anuncio realizado pola Reitoría da Universidade da Coruña, que cualifica de unilateral e carente de diálogo co Goberno galego e co conxunto do Sistema Universitario de Galicia.

Desde o Executivo autonómico lembran que en 2015 se pactou un modelo consensuado coas tres universidades galegas para reforzar os estudos de Medicina no país, apostando por unha única facultade e pola descentralización da docencia clínica a través dos hospitais universitarios. Un modelo que, segundo destacan, segue vixente e foi recentemente reafirmado polas outras dúas universidades.

O anuncio da UDC resulta especialmente inesperado, sinala a Xunta, tendo en conta que nos últimos meses se avanzou de forma conxunta na ampliación dese modelo de descentralización, co obxectivo de estendelo ao quinto curso a partir do curso 2026-2027.

O Goberno galego confía en que se poida restablecer o diálogo e avoga por buscar un consenso que garanta unha formación de calidade para o estudantado de Medicina. Con esa intención, vén de convocar ás tres universidades galegas a unha reunión do Consello de Docencia Clínica que se celebrará mañá xoves.

 

 

 

⚙ Configurar cookies
0.15901398658752