A UDC inaugura o curso 25-26 con máis de 13.300 estudantes

A Universidade da Coruña comezará o luns 8 de setembro o novo curso académico con máis de 13.300 persoas matriculadas nos seus 55 graos, dos cales 3.432 son de nova incorporación. O 95% das prazas ofertadas quedaron cubertas antes da sexta quenda de chamamento, cun total de 45 titulacións esgotadas.
A tendencia foi especialmente positiva en Ferrol, onde 12 dos 14 graos completaron matrícula, e na Coruña, con 36 de 41 títulos xa pechados. Ademais, algunhas carreiras incrementaron ata en 3 puntos a súa nota de acceso, como Arquitectura Técnica. Destaca tamén a recuperación plena das titulacións ligadas á construción.
Desde a Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización salientan que a UDC podería acoller máis alumnado se se ampliasen as prazas en titulacións moi demandadas como Enfermaría, Fisioterapia ou Enxeñaría Mecánica. Por iso, avanzan na revisión do catálogo académico para adaptalo ás necesidades sociais e produtivas.
A internacionalización será outro dos eixos estratéxicos, coa participación na Alianza EMERGE, acordos con universidades de Arxentina e Chile para impulsar dobres titulacións, e a colaboración coa lusofonía. Este cuadrimestre chegarán 488 estudantes estranxeiros e 431 alumnos da UDC sairán ao exterior, a maioría mediante o programa Erasmus+.
No ámbito da investigación, a universidade pretende consolidar proxectos e captar talento a través da Oficina de Transferencia de Coñecemento e da Oficina de Captación de Talento Investigador, reafirmando así o seu compromiso cun ensino de calidade e cunha maior proxección internacional.