A UDC impulsa unha nova ponte entre universidade e empresa co lanzamento de UDC Conecta

ACoruñaXa
A iniciativa busca facilitar o acceso das empresas ao talento investigador da universidade
udc-conecta
22 May 2025

A Universidade da Coruña presentou no seu Paraninfo o programa UDC Conecta, unha ambiciosa iniciativa coa que busca estreitar os lazos entre o coñecemento xerado nos seus centros e o tecido empresarial, facilitando a transferencia de innovación e fortalecendo cadeas de valor estratéxicas para o desenvolvemento económico e social da contorna.

Durante o acto, que contou coa presenza de máis de cen representantes empresariais e foi conducido pola divulgadora Tamara Pazos, o reitor Ricardo Cao destacou que “a innovación é unha misión compartida entre a universidade e a empresa” e subliñou que a intención da UDC é converter o coñecemento en valor útil para o sector produtivo e, por extensión, para toda a sociedade.

O programa estará coordinado pola Oficina de Transferencia do Coñecemento (OTC) da UDC e pretende establecer un sistema de acompañamento permanente e dinámico para as empresas, facilitando o contacto directo cos equipos de investigación da institución.

Actualmente, a UDC conta con máis de 1.400 investigadores e investigadoras, moitos deles integrados en centros de referencia como o CICA, CITIC, CITEEC ou CITENI, así como no Campus Industrial de Ferrol. A estes centros súmanse a participación en plataformas como ECOBAS, CISPAC e CITMAGA, e o Servizo de Apoio á Investigación, equipado con tecnoloxía avanzada para dar resposta a necesidades técnicas complexas.

Durante a súa intervención, Susana Ladra, adxunta de Transferencia, explicou que UDC Conecta permitirá acceder de forma áxil aos 139 grupos de investigación activos na universidade, abrindo novas oportunidades de colaboración directa co sector produtivo. A responsable tamén destacou que esta iniciativa responde á chamada “terceira misión” da universidade: “A docencia forma, a investigación transforma e a transferencia conecta”.

A clausura do acto correu a cargo do presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril, e do vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas, que coincidiron en sinalar que este proxecto marca un paso decisivo para achegar a ciencia e a innovación ao tecido empresarial galego.

⚙ Configurar cookies
0.13687205314636