A UDC impulsa un proxecto pioneiro para analizar o envellecemento das traballadoras migrantes do sector dos coidados

ACoruñaXa
O estudo MUMICO, financiado polo Instituto das Mulleres, examinará a situación socioeconómica e as estratexias de benestar das mulleres migrantes maiores que se dedicaron ao emprego doméstico e aos coidados en España
UDC coidando equipo
18 Nov 2025

A Universidade da Coruña vén de poñer en marcha o proxecto 'Coidando a quen coida. A vellez das mulleres migrantes traballadoras dos coidados' (MUMICO), unha investigación que profundará nas condicións socioeconómicas e nas dinámicas de benestar das traballadoras migrantes de maior idade que desenvolveron a súa carreira laboral no sector dos coidados en España. A iniciativa xorde nun contexto marcado pola escasa cobertura pública, o avellentamento da poboación e unha repartición desigual das tarefas de atención entre homes e mulleres, factores que favoreceron a incorporación masiva de mulleres migrantes ao emprego doméstico, situando a España como o segundo país europeo con máis traballadoras neste ámbito.

Moitas destas profesionais, que agora se achegan á xubilación, realizaron traxectorias laborais condicionadas pola precariedade, a falta de protección e o escaso recoñecemento. O estudo abordará esta realidade desde unha perspectiva feminista e interseccional, co fin de comprender como interactúan o xénero e a condición migratoria no proceso de envellecemento.

A investigación combinará unha aproximación aplicada, con diagnóstico e propostas de acción, cunha dimensión participativa na que as propias mulleres e as organizacións que as representan desempeñarán un papel central. O proxecto terá tamén un enfoque comparativo e centrarase en dúas comunidades migrantes con longa trayectoria nos coidados en España: a caboverdiana e a dominicana, caracterizadas por perfís migratorios e estruturas familiares diferenciadas. Esta análise permitirá identificar similitudes e diferenzas nas redes de apoio, nos itinerarios laborais e nas estratexias de coidado durante a vellez.

A iniciativa está dirixida pola profesora de Socioloxía da UDC Belén Fernández Suárez (ESOMI-CISPAC) e conta cun equipo interdisciplinar e internacional integrado por Antía Pérez Caramés, Keina Espiñeira González, Sara Díaz Lamas e Estefanía Tarrío Maneiro (UDC); Luzía Oca (USC); Iria Vázquez Silva (UVigo); Celeste Fortes (Universidade de Cabo Verde); e Claudia Pedone (Universidade de Bos Aires).

O proxecto aspira a contribuír á creación de políticas públicas que garantan unha vellez digna para as mulleres migrantes que durante décadas sostiveron co seu labor a vida de persoas dependentes e familias con menores en España.

⚙ Configurar cookies
0.073208093643188