A UDC estreará un Dobre Grao en Enxeñaría Informática e Ciencia e Enxeñaría de Datos

A Universidade da Coruña (UDC) vén de anunciar a posta en marcha do novo Dobre Grao en Enxeñaría Informática e Ciencia e Enxeñaría de Datos, que comezará a impartirse no curso 2025-2026. A nova titulación permitirá ao estudantado obter os dous títulos oficiais mediante un itinerario único de cinco anos de duración.
Este novo programa de simultaneidade impartirase na Facultade de Informática da Coruña (FIC), centro no que actualmente se ofertan tanto o Grao en Enxeñaría Informática (GEI) como o Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos (GCED), titulacións que constitúen a base do novo dobre grao.
O plan de estudos, que comezará con 10 prazas dispoñibles, está deseñado para que o estudantado poida adquirir as competencias profesionais das dúas carreiras, ofrecendo unha formación sólida tanto en enxeñaría informática como en análise de datos. Ao finalizar, o alumnado deberá realizar prácticas en empresa, co obxectivo de reforzar o contacto directo co tecido produtivo e facilitar a inserción laboral.
A proposta persegue ofrecer unha formación integral que combine “as capacidades de deseño e desenvolvemento de sistemas informáticos coas habilidades para a xestión e análise avanzada de datos”, dúas áreas cada vez máis demandadas polos sectores tecnolóxicos e industriais. Con esta formación, o estudantado poderá “afrontar os retos do actual contexto dixital cun perfil profesional moi versátil e especializado”.
Ademais, o alumnado poderá escoller calquera das mencións de especialización do Grao en Enxeñaría Informática, entre as que se atopan Computación, Sistemas de Información, Enxeñaría do Software, Enxeñaría de Computadores e Tecnoloxías da Información.
A creación deste novo itinerario responde á “afinidade académica, científica e metodolóxica das dúas titulacións de orixe; así como na complementariedade dos perfís profesionais que ofrecen o GEI e o GCED; e na alta demanda de profesionais con formación avanzada en enxeñaría informática e análise de datos por parte das empresas”.
Segundo subliña a UDC, esta simultaneidade permite tamén “optimizar a duración dos estudos e ampliar as saídas laborais do alumnado”. Máis alá da súa pertinencia académica e do seu rigor formativo, esta proposta nace como resposta “á demanda crecente de perfís profesionais híbridos, cunha alta capacitación tecnolóxica e de análise, capaces de liderar a transformación dixital dos sectores produtivos”.