A UDC estrea a feira IMPULSA-T con alta participación e 49 stands na Coruña

A Universidade da Coruña inaugurou hoxe IMPULSA-T, a súa primeira Feira de Emprendemento e Apoio ao Emprego, cunha resposta masiva da comunidade universitaria. O reitor Ricardo Cao abriu a xornada acompañado por representantes da Xunta, do Concello e do estudantado, e salientou as altas taxas de inserción das persoas tituladas na UDC —preto do 90% no primeiro ano—, así como a vontade de conectar talento e tecido produtivo nun formato que integra emprendemento, emprego e formación continua. A organización estimou ao longo do día a presenza de arredor de mil estudantes.
O recinto reuniu 49 postos de empresas e entidades de referencia e articulouse en varios itinerarios temáticos. No espazo ACTIVA-T mostraronse iniciativas emprendedoras, recursos institucionais e ofertas laborais, con mesas de debate e formación orientada á empregabilidade; en EMPRENDE-T emprendedoras e emprendedores de seis entidades achegaron experiencias e consellos; e COÑECE-T serviu para dinámicas de selección e talleres gamificados coas compañías. Entre as firmas participantes figuraron, entre outras, Abanca, Accenture, Altia, Applus+, Deloitte, Emetel, Finsa, Hijos de Rivera, Indra, Ineco, Leroy Merlin, Navantia, Norvento, NTT Data, Oracle, PwC, Reganosa, Repsol, Tecnoloxías Plexus e Grupo Tragsa.
A feira completouse con actividades paralelas (photocall, pezas audiovisuais, emisión en directo de CUAC FM, sorteos e agasallos) e continuará o xoves 30, no Campus de Ferrol, onde se prevé a instalación de 48 stands de sectores como o naval, industrial e metal-mecánico, moda-téxtil, enerxía e defensa, madeira e deseño, alimentario, xestión de residuos, gran distribución e consultoría, xunto a colexios profesionais e clústeres.