A UDC e o MUNCYT organizan charlas polo Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

O vindeiro martes, 11 de febreiro, celebrarase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. A Facultade de Informática da Universidade da Coruña e o MUNCYT da Coruña realizan con motivo deste día un ciclo de charlas dirixido ao alumnado de centros educativos. O obxectivo deste evento é promover a participación plena e equitativa das mulleres e as nenas na ciencia, avanzar na igualdade de xénero e empoderar as mulleres no ámbito científico e tecnolóxico.
Durante o evento, catro profesionais vinculadas á Facultade de Informática da Coruña (FIC) e ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC participarán nas charlas. As ponentes serán científicas e enxeñeiras no ámbito da Informática, e visibilizarán o papel fundamental das mulleres neste sector. O evento busca inspirar novas vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado máis novo.
As charlas terán lugar de 10.20 a 13.00 horas e están dirixidas ao estudantado de Educación Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, sendo especialmente recomendable para alumnado a partir de 3º de ESO. A actividade realizarase tanto de forma presencial, cun aforo limitado no salón de actos, como en liña, a través dunha conexión online.
Para participar, as reservas deben realizarse previamente enviando un correo electrónico a reservascor@muncyt.es ou chamando ao teléfono 689 578 727. Durante a reserva, os grupos poderán elixir as charlas nas que desexen participar. Na modalidade online, os centros deben contar con conexión a internet e equipos audiovisuais na aula. Tamén se anima ao alumnado a enviar preguntas por adiantado para que poidan ser seleccionadas e agrupadas para responder ao maior número posible de cuestións.
PROGRAMA
O programa dará comezo ás 10.20 horas cunha benvida ao evento. De 10.30 a 11.00 horas, Verónica Bolón Canedo, enxeñeira e doutora en Informática pola UDC e investigadora no CITIC, impartirá a charla 'Avances e desafíos da intelixencia artificial, e por que aínda non temos que temer aos robots!', onde fará un percorrido pola historia da intelixencia artificial. Verónica foi premiada co Premio Nacional de Investigación 2024 na modalidade María Andresa Casamayor.
De 11.10 a 11.40 horas, Elena María Hernández Pereira, doutora pola UDC e investigadora no CITIC, falará sobre 'Ciberseguridade e aprendizaxe automático: como as máquinas loitan contra os cibercriminais', explicando como a aprendizaxe automática pode mellorar a protección de datos en internet.
De 11.50 a 12.20 horas, María Martínez Pérez, investigadora do CITIC, enxeñeira Informática e doutora pola UDC, abordará “Explorando a fórmula: RFID = Seguridade + Calidade – Riscos”, explicando como a tecnoloxía RFID mellora a seguridade e a calidade nos procesos sanitarios.
Finalmente, de 12.30 a 13.00 horas, María José Martín Santamaría, doutora en Ciencias Físicas pola USC e investigadora no CITIC no grupo de Arquitectura de Computadores, pechará o ciclo cunha intervención sobre 'Que é a computación cuántica e por que é tan revolucionaria?'. Cada charla terá unha duración de 30 minutos, seguida de 10 minutos para interactuar co alumnado.
O 11 de febreiro (11F) foi proclamado pola ONU como Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia co fin de promover o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para mulleres e nenas, así como para lograr a igualdade de xénero e o empoderamento de ambas. A data é unha oportunidade para visibilizar as mulleres científicas, ofrecer exemplos de roles femininos no campo da ciencia e fomentar vocacións científicas entre as rapazas.