A UDC e o Grupo Rodonita convocan a terceira edición dos Premios de Investigación Epifanio Campo

ACoruñaXa
Ten como obxectivo promover accións formativas, divulgativas e investigadoras que contribúan á transición ecolóxica
udc-premios-epifanio-campo
29 Jul 2025

A Universidade da Coruña (UDC) e o Grupo Rodonita veñen de convocar, a través da Cátedra Epifanio Campo —adscrita á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF)—, a terceira edición dos Premios de Investigación Epifanio Campo. Trátase dunha iniciativa que busca impulsar a investigación vinculada coa xestión e valorización de residuos industriais, no marco dunha economía circular orientada á protección do medio ambiente.

Tal e como se recolle nas bases do certame, as persoas solicitantes deberán formar parte do Catálogo de Investigación da UDC, ben integrando algún grupo de investigación, ben como investigadores ou investigadoras individuais. Tamén poderá participar o estudantado matriculado no curso 2024/25 nun programa de doutoramento na universidade ou quen realizase tarefas de investigación no seu Traballo de Fin de Grao (TFG) ou Fin de Máster (TFM), baixo a dirección de persoal investigador da UDC.

Como novidade nesta edición, os proxectos non só deberán ser presentados a través dos formularios correspondentes, senón que tamén deberán ser expostos publicamente nunha xornada aberta á comunidade universitaria e ao público xeral. Esta sesión, prevista para finais de ano, servirá tamén como acto de entrega dos galardóns.

Os premios contan con dúas dotacións económicas: 6.000 euros para o proxecto gañador e 4.000 euros para o segundo clasificado. Están dirixidos a propostas que supoñan un avance significativo na xestión e valorización dos residuos xerados pola actividade industrial, contribuíndo así a un modelo de desenvolvemento máis sustentable. O prazo para presentar candidaturas permanecerá aberto ata o 21 de setembro. Para máis información, as persoas interesadas poden escribir ao correo catedra.epifaniocampo@udc.es.

A Cátedra Epifanio Campo naceu en 2019 da man da UDC e do Grupo Rodonita, e está dirixida pola profesora Maripaz Mateo. A súa actividade céntrase no eido do medio ambiente, a sustentabilidade e a xestión de residuos, e ten como obxectivo promover accións formativas, divulgativas e investigadoras que contribúan á transición ecolóxica e á transferencia de coñecemento. Desde a organización, aspírase a que a xornada de presentación dos proxectos se converta nun espazo de encontro para investigadores e investigadoras da UDC que traballan nestes ámbitos estratéxicos.

⚙ Configurar cookies
0.2321469783783