A UDC e o Concello da Coruña constitúen oficialmente a sociedade xestora da Cidade das TIC

A sociedade xestora da Cidade das TIC quedou oficialmente constituída esta mañá tras a sinatura ante notario do documento de creación por parte do reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, e da alcaldesa da Coruña, Inés Rey. Este acto marca o inicio formal da entidade encargada de xestionar este proxecto estratéxico, despois de que ambas as institucións aprobasen en novembro os novos estatutos que rexerán o seu funcionamento.
Os novos estatutos reforzan o papel da UDC no liderado da Cidade das TIC, establecendo un sistema de gobernanza que lle concede voto de calidade en todas as decisións relativas á docencia, investigación e transferencia de coñecemento.
Tras a sinatura, o reitor Ricardo Cao destacou que este é "un novo fito para a Cidade das TIC, un proxecto clave no desenvolvemento da dixitalización e no impulso do ecosistema tecnolóxico, tanto para a cidade como para toda Galicia". Pola súa banda, a alcaldesa Inés Rey subliñou a importancia desta iniciativa para fortalecer o tecido académico e científico da UDC, fomentando a colaboración empresarial e favorecendo a inserción laboral, cun impacto positivo a nivel social e económico.
Estrutura da sociedade xestora
A nova sociedade estrutúrase en tres órganos principais: a Xunta Xeral, o Consello de Administración e a Dirección. Tras a sinatura, procederase á constitución do Consello de Administración, cuxos membros foron designados hoxe. Inicialmente, este órgano estará composto por sete persoas (catro en representación do Concello e tres da UDC), aínda que poderá ampliarse ata un máximo de doce integrantes.
O primeiro presidente do Consello de Administración será o reitor da UDC, que exercerá o cargo durante todo o 2025. A partir de 2026, a presidencia pasará á persoa titular da Alcaldía da Coruña. Os cargos non serán retribuídos e a sociedade non realizará pagamentos por ningún concepto aos seus membros.